Calígula, Caio Xulio César Xermánico
Emperador romano (37-41). Fillo de Xermánico e de Agripina a Vella, criouse seguindo ao seu pai polos campamentos militares; neles recibiu o alcume de Calígula, diminutivo do lat calĭga ‘calzado militar que empregaban os soldados romanos’. Sucedeu a Tiberio como emperador coa axuda de Sertorio Macrón. Durante os primeiros meses inaugurou unha política de tolerancia, abolindo a Lex Maiestatis, reducindo o imposto sobre as vendas, devolvendo o poder de elección aos comicios e gobernando de acordo co Senado. Despois, afectado por unha enfermidade, o seu comportamento dexenerou e gobernou despoticamente. Á fronte do exército emprendeu campañas paródicas nas Galias e na Xermania, nomeou cónsul o seu cabalo e cando esgotou o tesouro imperial dedicouse ao asasinato de membros destacados da aristocracia aos que lles requisaba os seus bens. Chegou a proclamarse deus e recibiu culto en vida. Morreu asasinado polo tribuno da cohorte pretoriana Casio Caerea.
Cronología
-
Nacemento
Lugar : Antium, actual Anzio, Lazio