Callao
Capital da provincia constitucional do mesmo nome, en Perú (369.768 h [estim 1996]). Está situada á beira do Pacífico, a 10 km da capital, na desembocadura do río Rimac, nun porto natural protexido pola península de La Punta e as illas de San Lorenzo e El Frontón. O clima é algo máis calido ca o do interior, cunha media anual de 19°C. O porto serve ás extensas terras interiores como centro comercial e é base dunha importante flota pesqueira. Posúe boas comunicacións, ten grandes estradas e é punto de partida da liña de ferrocarril Trasandina xunto a un importante aeroporto. Estas características converteron a Callao no centro das exportacións do Perú. Ademais, ten comunicación marítima directa con Panamá, Chile e Nova York. É un núcleo industrial, no que destacan as construcións navais e as industrias derivadas da pesca, fábricas de fariña e de fertilizantes. Fundada polos españois en 1537 como porto de Lima, adquiriu unha grande importancia durante a época vicerreinal como centro de comercio interindiano e entre España e Perú. En 1746, mentres un terremoto devastaba a cidade de Lima, un maremoto destruíu completamente o porto de Callao. O 2 de maio de 1866, trala declaración de guerra feita polo goberno de Perú, Callao foi atacada por unha escuadra española mandada por Méndez Núñez. A famosa sentenza “prefiro honra sen barcos que barcos sen honra” pronunciouna no contexto desta Guerra do Pacífico.