Callosa d´en Sarrià

Callosa d´en Sarrià

Municipio da provincia de Alacant, Comunitat Valenciana, na comarca da Marina Baixa, nas vertentes do Sistema Prebético oriental (6.322 h [1996]). As actividades principais son a agricultura con plantacións de viña, oliveiras, cereais e legumes, e a gandería lanar e vacúa. A industria limítase a algunhas canteiras, á construción e á manufactura de esparto. Nos últimos anos potenciouse o turismo aproveitando os seus recursos culturais como a igrexa arciprestal de San Joan Baptista (1574), a ermida de Santa Bárbara (s XVIII) e as paisaxes de Les Fonts de L’Algar, conformado polo río Algar, onde se atopan numerosas fervenzas e fontes naturais. Callosa d´en Sarrià constitúe un núcleo que se formou a partir dun casal de orixe árabe.