Calmucos, República dos

Calmucos, República dos
Nome científico: [Hal’mg Tangč]

Entidade político-administrativa que forma parte da Federación Rusa (76.100 km2; 316.100 h [estim 1999]). A capital é Elista. Comprendida dentro da Depresión Caspiana, ao SO do río Volga, a maior parte do territorio está baixo o nivel do mar. O clima é continental seco e a vexetación de estepa. A composición étnica da poboación é maioritariamente calmuca (41,5%) e rusa (42,6%), aínda que coexisten outras minorías como os kazakhos, os chechenos e os daguestánicos. A densidade de poboación é feble (pouco máis de 4 h/km2) e predomina o hábitat rural. A base da economía é o sector agropecuario, fundamentalmente a gandería (ovinos, bovinos, porcinos, equinos e tamén algúns camelos). Outros recursos son a agricultura coa produción de cereais, plantas forraxeiras e melóns, e as industrias derivadas da gandería e da pesca. A escasa industria concéntrase na capital. Fundada como oblast’ autónoma en 1920, converteuse nunha república autónoma en 1935. Baixo a acusación feita ao pobo calmuco de colaboración cos alemáns durante a Segunda Guerra Mundial aboliuse a república (1943) e os calmucos foron deportados a Asia Central. En 1957 puideron retornar e o territorio recibiu de novo o estatuto de república autónoma. Daquela, as autoridades soviéticas principiaron un proceso de colonización con elementos rusos, que explica a súa presenza aínda maioritaría.