calo

calo

(< lat callu)

  1. s m [PAT]

    Induración circunscrita da epiderme formada por unha acumulación de células estratificadas da capa córnea a consecuencia da fricción ou da presión prolongada e repetida. Tamén pode aparecer baixo a acción da calor ou de substancias químicas.

    Ex: Andei cuns zapatos moi apertados e saíronme calos nas dedas. Teño calos nas mans de tanto varrer con esa vasoira vella.

    Sinónimos: calosidade, dureza.
  2. s m [BOT]
    1. Conxunto de tecidos parenquimáticos que aparecen nas feridas, segregados por un cambium producido grazas ao estímulo de necrohormonas.

    2. Deposición de calosa que obtura as placas cribosas ao chegar o período de repouso.

  3. s m [PAT]

    Neoformación ósea que solda os dous extremos dun óso fracturado. A fractura dá lugar a un hematoma que se transforma en coágulo, e este organízase a expensas do tecido conxuntivo dos arredores, que sofre un proceso de metaplasia; o foco de fractura ocúpao o tecido osteoide, sobre o que se deposita calcio e se forma un tecido óseo. A consolidación dunha fractura pode ser anormal, coa formación de calos hipertróficos, viciosos, dolorosos, etc.

  4. s m

    Camiño estreito e difícil que transcorre por terreos abruptos.

    Ex: Subiu á cima do monte polo calo porque se observaba mellor a natureza.

  5. s m

    Movemento que fan cos pés as cabalerías para marcar un paso uniforme e lixeiro.

    Ex: Este é o cabalo que fai o mellor calo de toda a corte.

  6. s m [PESCA]

    Lazo que ten a vela da dorna no lado vertical superior.

  7. s m

    Insensibilidade á que conduce a reiteración dun determinado acto ou costume.

    Ex: As diferencias entre o pai e o fillo xa teñen calo.

    Sinónimos: indiferencia.

Frases feitas

  • Criar calo. Endurecerse.

Palabras veciñas

Calmucos, República dos | calmudo -da | calmuzo | calo | caló | Calo | Calo