Calvo Sotelo, Xosé
Político. Estudiou dereito nas universidades de Zaragoza e Madrid e doutorouse nesta última. En 1916 ingresou no corpo de avogados do estado e en 1919 foi elixido deputado a Cortes polo distrito do Carballiño. En 1921 foi nomeado gobernador civil de Ourense, posto que ocupou ata ser trasladado a València. Colaborou coa ditadura de Primo de Rivera (1923-1929) e intentou solucionar os graves problemas da administración provincial desde o seu cargo de director xeral de administración local, para o que promulgou o Estatuto Municipal de 1924 e o Estatuto Provincial de 1925. Entre 1925 e 1929 foi ministro de Facenda; fundou CAMPSA, o Banco de Crédito Local, o Banco Exterior de España e o Banco Hipotecario; elaborou as disposicións sobre a nacionalización das empresas, a Lei de Contrabando e Defraudación e iniciou un intento de reforma tributaria. Durante o goberno de Berenguer (1930-1931) creou a Unión Monárquica Nacional e trala chegada da República, debido ao fracaso da UMN, exiliouse. En 1933 regresou do exilio, incorporouse ao seu posto como deputado por Ourense e fundou o Bloque Nacional, un partido político caracterizado polo seu profundo antirrepublicanismo. Morreu asasinado o 13 de xullo de 1936, feito que algúns estudiosos consideran como o detonante da Guerra Civil. Escribiu, entre outras obras, La doctrina del abuso del derecho subjetivo (1917), El proletariado ente el socialismo y el maurismo (1917), En defensa propia (1932), Las responsabilidades políticas de la ditadura: un proceso histórico (1933), La voz de un perseguido (1933) ou El capitalismo contemporáneo y su evolución (1935).
Cronología
-
Nacemento
Lugar : Tui -
Deceso
Lugar : Madrid