Cam
Cam
Segundo a narración da Xénese, un dos tres fillos de Noé que saíron con el da arca tralo diluvio e que deu orixe aos pobos do N de África, en especial Exipto, do S de Arabia e de Canaán, que por iso se lles chamou camitas. Despois de que Cam tivese un comportamento irrespectuouso co seu pai, este maldiciuno e declarouno “o derradeiro dos escravos para os seus irmáns”. Con este mito a tradición do pobo de Israel, descendente do irmán maior, Sem, pretende xustificar a súa supremacía moral sobre os pobos do seu contorno, especialmente exipcios, filisteos, asirios e cananeos, que malia proceder coma eles dunha única estirpe, a de Noé, serían malditos polo pecado do seu patriarca.