CAM
O Metabolismo Ácido das Crasuláceas é o mecanismo previo e complementario do ciclo de Calvin, na captación de CO2 atmosférico, que constitúe unha adaptación a condicións ambientais de extrema secura. Supón unha separación temporal da fixación do CO2 e a redución a carbohidratos no ciclo de Calvin. A absorción de CO2 pola noite permite manter os estomas pechados durante o día e evitar as altas temperaturas e a baixa humidade relativa do aire. O CO2 absorbido pola noite emprégase para a formación de ácido málico, que se acumula en vacúolos; durante o día o ácido málico sofre unha descarboxilación e o CO2 liberado pasa a ser de novo carboxilado no ciclo de Calvin. É propio de varios millares de especies, agrupadas en 109 xéneros que pertencen a 25 familias distintas, e característico das crasuláceas e das cactáceas, aínda que tamén é frecuente nas aizoáceas, euforbiáceas, liliáceas, bromeliáceas e orquidáceas.