Camarote de Lujo
Produción cinematográfica dirixida en 1957 por Rafael Gil a partir da novela curta Luz de luna (1915), de Wenceslao Fernández Flórez, e protagonizada por Antonio Casal. Foi o propio autor quen se fixo cargo dos diálogos para a versión cinematográfica. Aurelio Romay é un rapaz que abandona a súa aldea natal para traballar nunha consignataria dedicada ao transporte de emigrantes cara ás terras americanas. A partir de aquí, Gil organiza unha película sobre a emigración que se afasta da visión optimista que predominaba na nosa cinematografía. A única concesión do director foi cambiar o final que no relato literario facía descender a Aurelio da súa condición de oficinista á de obreiro mentres que, na cinta, un golpe de sorte o converte no home de confianza dun indiano. Esta foi a terceira e última adaptación realizada por Rafael Gil dunha novela de Fernández Flórez para a produtora católica Aspa Films. Nas tres ocasións o papel protagonista recaeu no actor compostelán Antonio Casal quen, nesta produción, resultaba demasiado maduro aos seus corenta e sete anos para dar vida ao rapaz de dezaoito que protagonizaba o relato.