Camba Andreu, Xulio
Xornalista e escritor. Abandonou os estudios do seminario para emigrar a Bos Aires en 1901. Alí colaborou en numerosas publicacións e foi onde comezou a desenvolver o seu estilo irónico e satírico, mesmo sufriu ataques daqueles que rapidamente o etiquetaron como anarquista por mor da dureza dos artigos que escribía. Tres anos despois regresou a Galicia onde colaborou no Diario de Pontevedra. Máis tarde marchou a Madrid como colaborador dos xornais El País, invitado por Santiago Mataix, e España Nueva; alí coñeceu o poeta Rubén Darío, os irmáns Machado, a Pío Baroja e a Ramón María del Valle-Inclán, e asistiu a numerosos parladoiros de destacados cafés do centro de Madrid. Continuou a súa etapa madrileña redactando para as publicacións El Mundo, Los Lunes del Imparcial, La Correspondencia de España, El Sol, La Voz e La Correa. Despois de viaxar a Turquía entrou na redacción de La Tribuna. En 1916 ingresou en ABC como correspondente, o que lle permitiu viaxar por numerosas cidades, entre elas, Berlín, Lisboa, Atenas e París. Instalouse en Londres onde coincidiu co xornalista Augusto Assía. Amais visitou Nova York en diversas ocasións. Destacou como humorista; aplicaba aos seus artigos e aos seus traballos unha ironía moi próxima ao humorismo inglés. Publicou dúas composicións poéticas en lingua galega baixo o título de “Charamuscas” (1900-1901), que se editaron na Revista Gallega, e o relato “El destierro” (1907), publicado en El Cuento Semanal. Escribiu tamén unha canción lembrando os anos da súa estadía en América titulada Recordos. A súa produción xornalística aparece recollida en diversos volumes, entre eles: Las alas de Ícaro (1913), Alemania (1916), Londres (1916), Un año en el otro mundo (1917), La rana viajera (1921), Aventuras de una peseta (1923), Sobre casi nada y sobre casi todo (1928), La ciudad automática (1932), Haciendo de república (1934), Mis mejores páginas (1956) e Millones al horno (1958). Tamén escribiu un libro sobre gastronomía titulado La casa de Lúculo o el arte de comer. En 1947 editáronse as súas Obras completas, en dous volumes. Foi galardoado co Premio Mariano de Cavia polo seu artigo “Plumas de avestruz”, publicado en Arriba.
Cronología
-
Nacemento
Lugar : Vilanova de Arousa -
Deceso
Lugar : Madrid