Cambrai
Cidade do departamento de Nord, Cambrésis, Francia, á beira do río Escalda, ao NL de París (33.092 h [1990]). Son tradicionais as industrias téxtiles onde se orixinou o tipo de tecido de algodón coñecido co nome de cambrai. A industria baséase na fabricación de encaixes, fiados, coiro, azucre, cervexa e aceites. A exportación é a base do seu comercio, principalmente de gando vacún e cereais. É un centro de comunicacións ferroviarias, onde se localizan tres estacións. Correspóndese coa antiga Cameracum romana. É bispado desde o s VI e os bispos foron señores desde o s X do condado de Cambrai, erixido no s XVI en ducado. Formou parte dos Países Baixos baixo a dominación española e, pola Paz de Nimega (1678), pasou definitivamente a Francia. A cidade, moi castigada durante as dúas guerras mundiais, conserva a catedral do s XVIII (refeita no s XIX), a igrexa de Saint-Géry (s XVIII), a antiga porta do palacio episcopal (1623) e un beffroi do s XV.