Camilo José Cela, Fundación

Camilo José Cela, Fundación

Entidade cultural, con sede nas Casas dos Cóengos (Iria, Padrón), creada na década de 1980 por Camilo Jose Cela para acoller todos os seus manuscritos, libros, cadros, obras de arte, arquivo e referencias literarias, e constituír un centro de investigación da súa obra. Está dirixida por un padroado presidido de xeito vitalicio por Camilo José Cela, que se encarga de representar, dirixir, administrar e preservar os bens da fundación; entre eles, destaca o legado de Camilo José Cela, composto polos manuscritos e bosquexos da súa obra, a súa biblioteca de traballo, documentos persoais e unha compilación dos artigos xornalísticos sobre a súa obra. A biblioteca da Fundación complétase con todas as edicións da súa obra, incluíndo as edicións de bibliófilo, bibliografía sobre a obra e a vida de Camilo José Cela, todas as publicacións da Real Academia Española e os legados feitos por Jose María Sánchez-Silva, autor de Marcelino pan y vino, e o poeta José García Nieto. A Fundación posúe, tamén, unha importante colección de obras de arte entre as que destacan retratos de Camilo José Cela e a súa familia realizados por Pedro Bueno, as ilustracións de Rafael Zabaleta para unha edición de La familia de Pascual Duarte, gravados de Miró, gravados e debuxos de Pablo Picasso e debuxos de Rafael García Lorca, Rafael Alberti ou do propio Camilo José Cela. Existen, ademais, dúas exposicións permanentes: unha na que se reúnen todas as edicións de La familia de Pascual Duarte e outra dedicada aos ferrocarrís, en homenaxe ao avó do autor, que foi director xerente do primeiro ferrocarril galego, The West Galician Railway. A Fundación completa o seu labor cultural cunha serie de bolsas, cursos de verán e publicacións como El Extramundi, os Papeles de Iria Flavia, continuadora dos Papeles de Sons Armadáns, e O tabeirón namorado, de carácter literario e biobibliográfico.