Camiña, Plácido

Camiña, Plácido

Freire e arquitecto galego activo entre 1771 e 1801. Ingresou como leigo no mosteiro de San Martiño Pinario en 1771, onde construíu, seguindo as trazas de frei Manuel dos Mártires, a escaleira da igrexa. Deseñou o monumento da Semana Santa. En colaboración con Xosé Ferreiro realizou, entre 1773 e 1777, o altar da capela de Santa Escolástica, cun esquema que se repetiu nas capelas de Santa Xertrude e do Cristo da Paciencia (1784). Atribúenselle os colaterais da capela do Socorro dedicados a san Xaquín e san Xosé (1783), o da capela de san Bernaldo (1786) e a caixa da sancristía. Corrixiu o empenamento das paredes laterais do claustro do convento de Santo Agostiño usando unha máquina da súa invención premiada pola Real Academia de Bellas Artes de San Fernando sobre a que escribiu un tratado inédito. En 1801 foi comisionado polo arcebispo Raxoi para examinar a obra dos altares da capela do Pazo de Lestrove, realizada por Ramón Pérez Monroy. O seu estilo adscríbese ao neoclasicismo, aínda que nas súas obras se perciben reminiscencias barrocas.

Palabras veciñas

Camilo, Marco Furio | Camilo/Camila | Camiña HIST/HERÁLD | Camiña, Plácido | camiñada | camiñante | camiñar