Campanella, Giovanni Domenico
Filósofo, teólogo e poeta. Coñecido como Tommaso Campanella, ingresou aos catorce anos na orde dominicana. Contrario á filosofía aristotélica e influído polas teorías naturalistas de Telesio, defendeu o animismo neoplatónico e o materialismo de Demócrito, polo que foi procesado por herexía e conducido a Roma no 1591. Liberado en 1595, retirouse á súa cidade natal desde onde promoveu unha conxura contra a dominación hispánica en Calabria que tiña como finalidade a de instaurar unha república teocrática. Descuberta a conspiración no 1599, foi torturado e permaneceu preso en Nápoles ata o 1626, despois de ser declarado demente e logo dunha apelación do Papa Urbano VIII. Permaneceu en Roma ata o 1634 por mor dunha nova conspiración en Calabria, dirixida polos seus seguidores, que o obrigou a fuxir a Francia. Instalouse en París, onde recibiu unha pensión do cardeal Richelieu. Durante os anos de prisión escribiu as súas obras principais: Theologia (Teoloxía), Philosophia rationalis (Filosofía racional), Apologia pro Galileo (Defensa de Galileo) e especialmente a Philosophia realis (Filosofía real, 1623) e a Metaphysica (Metafísica, 1638). En Civitas solis (A cidade do sol), publicado como apéndice de Philosophia realis, creou un dos primeiros sistemas utópicos consistente nun goberno rexido por unha rede de funcionarios, sabios e sacerdotes, coa misión de organizar e transmitir o saber e as técnicas. Este modelo de sociedade rexeríase, segundo as normas da natureza e da razón, baixo a tutela espiritual do Papa. No campo epistemolóxico anticipouse a Descartes, formulando a dúbida universal como vía para establecer tanto a posibilidade e a realidade do coñecemento e da propia existencia, como para chegar á proba de Deus. É autor ademais dunha abondosa e orixinal produción lírica que inclúe madrigais, sonetos, etc.
Cronología
-
Nacemento
Lugar : Stilo, Calabria -
Deceso
Lugar : París