Campania

Campania

Rexión do S de Italia, situada entre os Apeninos meridionais e o mar Tirreno, que comprende as provincias de Avellino, Benevento, Caserta, Nápoles e Salerno (13.595 km2; 5.792.580 h [estim 1998]). A capital é Nápoles. Distínguese unha parte montañosa, os Apeninos meridionais, e unha parte chá, a Campania propiamente dita. O seu clima é mediterráneo, cunha temperatura media anual de 19,1°C (11,3°C no mes de xaneiro e 28,6°C no mes de xullo) e cunha pluviosidade de 631 mm anuais. No litoral destacan os golfos de Gaeta, Nápoles e Salerno, e as illas de Ischia e Capri. A poboación, que sufriu as consecuencias da forte emigración de principios do s XX, concéntrase nos núcleos urbanos. Os recursos fundamentais proceden da produción agrícola de froita, viña e leguminosas, da gandería ovina e bovina, e do turismo. Os primeiros poboadores coñecidos da Campania foron os samnitas, que padeceron unha colonización temperá dos gregos dende a fundación de Cummas no s VIII a C. Os etruscos fundaron a cidade de Capua cara ao ano 600 a C, que se erixiu co paso do tempo na capital da Campania. Sometida aos samnitas dende o 420 a C, converteuse en aliada dos romanos no ano 383 a C. O proceso de romanización desta rexión supuxo a creación de numerosas colonias entre os ss IV e II a C que conservaron pegadas dunha profunda helenización. Aliada con Aníbal na Segunda Guerra Púnica, sufriu represalias despois da derrota. Con Augusto, a Campania formou parte da primeira rexión de Italia e en tempos de Diocleciano converteuse nunha provincia separada. Despois da caída do Imperio Romano, os ostrogodos e os bizantinos ocuparon a rexión. Os longobardos crearon o ducado de Benevento no 571 e no s IX os principados de Salerno e Capua, mentres os ducados de Nápoles e Gaeta se foron independizando da soberanía imperial. A Campania foi conquistada polos normandos no s XI e pasou a depender do Reino de Sicilia baixo Roger II. Despois das Vísperas Sicilianas, converteuse en parte do Reino de Nápoles.