Campillo de Arenas
Municipio da provincia de Jaén, Andalucía, situado nos contrafortes de dúas elevacións montañosas, Sierra Mágina e Sierra Sur, e atravesado polo río Grande (2.291 h [1996]). O seu nome débese á existencia de pequenos campos de areas, orixinados polo transporte de sedimentos dos regatos da zona. Trátase dun núcleo importante de servicios, debido aos equipamentos e infraestruturas cos que conta. A agricultura ten importancia na época da oliva, cando lle dá emprego a un alto número de persoas. Nos últimos anos intentouse potenciar a produción de aceite de oliva e a fabricación de produtos cárnicos. Os primeiros asentamentos datan do Bronce. Da época romana consérvanse restos en Cañada de las Viñas. Os árabes construíron a fortaleza de Arenas, que xogou un papel importante como fronteira dos reinos de Granada e Castela. O núcleo actual de poboación ten a súa orixe na Real Cédula de Xoana a Tola, de 1508, na que se establecía que se debía repoboar a zona S da serra de Jaén. Destacan a igrexa parroquial, de estilo renacentista, e a ermida da Virgen de la Cabeza do s XVIII.