Camus, Albert

Camus, Albert

Escritor e xornalista alxeriano. Licenciado en Filosofía, foi redactor do xornal Alger Républicain e redactor xefe do seu substituto, Le soir républicain, entre os anos 1938 e 1940; neles denunciou os excesos e as inxustizas da Francia colonial en Alxeria. Ao seu peche pola censura, instalouse en Francia e traballou no Paris-Soir. Durante a Segunda Guerra Mundial participou activamente no movemento de resistencia Combat e no xornal clandestino do mesmo nome, labor que continuou trala liberación do país. Dende 1943 exerceu como lector e director de colección na editorial Gallimard. Está considerado como un dos principais representantes da literatura existencialista. Na súa obra defende, partindo da idea do absurdo, a necesidade de rebelarse do home para tomar a decisión de vivir. O seu pensamento articúlase ao redor de dous polos: o absurdo e a rebeldía. Parte dunha percepción do absurdo non tanto como condición humana ou do mundo, senón como desaxuste insalvable entre ambos. Ao rexeitar toda transcendencia relixiosa ou filosófica, propón esta consciencia do absurdo como a única actitude lúcida da que se debe partir para solucionar o problema da felicidade do home. A partir destas ideas, elaborou unha moral da vida e da acción baseada na rebeldía como expresión do humanismo solidario capaz de arrincar o individuo da súa soidade. Próximo ao primeiro existencialismo de Jean-Paul Sartre, as súas diferencias políticas enfrontáronos nunha polémica aberta a través da revista Temps modernes en 1952, que rematou en ruptura definitiva. O seu labor como dramaturgo iniciouse en Alxer nos anos da súa militancia no Partido Comunista (1935-1937), coa fundación do Théâtre du travail en 1936, xurdido con vocación revolucionaria e popular, ao que seguiu o Théâtre de l’Equip, trala súa ruptura co partido. En 1940 trasladouse a París onde desenvolveu unha intensa actividade como adaptador, actor ocasional, director de escena e dramaturgo. Alí presentáronse algúns espectáculos creados a partir de textos tan significativos como Le malentendu (O malentendido, 1944), Calígula (1945) ou L’état de siège (Estado de sitio, 1948), traballos nos que participou a actriz galega María Casares e nos que transita entre o absurdo, o existencialismo e o humanismo solidario. Nos anos 50 realizou adaptacións de pezas como La devoción de la cruz, de Calderón; ou El caballero de Olmedo, de Lope de Vega. No eido da narrativa publicou L’envers et l’endroit (O reverso e o dereito, 1937), Noces (Nupcias, 1938), L’étranger (O estranxeiro, 1942), La peste (A peste, 1947), La chute (A caída, 1956) e L’exil et le royaume (O exilio e o reino, 1957) e, no do ensaio, Le mythe de Sisyphe (O mito de Sísifo, 1942) e L’homme révolté (O home rebelde, 1951), entre outros. En 1991 a compañía Teatro do Noroeste presentou o espectáculo Os xustos a partir dun texto homónimo que traducira Xosé Manuel Beiras, publicado nos Cadernos da Escola Dramática Galega en 1985, e, no ano 2000, o Centro Dramático Galego representou Calígula, baixo a dirección de Manuel Guede Oliva e protagonizada por Antón Durán, Morris. Recibiu o Premio Nobel de Literatura en 1957.

Cronología

  • Nacemento

    Lugar : Mondovi

  • Deceso

    Lugar : Villeblevin, Francia