cánabo
(< lat cannăbu, porcannăbis)
-
s
m
[PLANTA]
Planta herbácea anual, de talo recto, de ata 3 m de altura, follas palmatisectas, de 5 a 7 segmentos longos e profundamente dentados. É orixinaria das estepas de Asia, entre o lago Baikal e o Mar Caspio. Estendeuse o seu cultivo a China, India, Persia, norte de África e Europa meridional, onde a introduciron os escitas cara ao 1500 a C e a difundiron os gregos e, sobre todo, os romanos. O seu cultivo ten como finalidade a obtención de fibra e a extracción das raíces dun aceite secante empregado para facer pinturas e xabón. A produción do cánabo, que acadou o seu máximo na segunda metade do s XIX, diminuíu gradualmente a causa, por unha banda, da competencia de fibras artificiais e, pola outra, das dificultades para conseguir a mecanización necesaria para a transformación da fibra, o que fai necesaria moita man de obra. A variedade índica do cánabo, propia da India oriental e de Irán, contén nos brotes florais femininos apegañentos unha cantidade especialmente elevada dunha secreción resinosa rica en cannabinol e tetrahidrocannabinol, entre outros alcaloides e esencias, o que constitúe unha droga de propiedades narcóticas, euforizantes e alucinóxenas, coñecida con diversos nomes como cánabo indio, cannabis, haxix, kif, marihuana, bhang, ganhja ou charas, segundo a procedencia e a forma de utilización. O método de aplicación máis estendido consiste en fumar a droga seca, pero tamén pode ser inxerida coas bebidas ou con certos alimentos como manteiga, caramelos, etc. Utilizouse en medicina como calmante e como narcótico, pero o seu uso máis estendido é como droga euforizante.
Sinónimos: cáñamo. -
s
m
[TÉXT]
Fibra téxtil de orixe vexetal, obtida dos talos do cánabo, máis fina ca a do liño, e de cor amarela. O cánabo emprégase para facer cordas, alpargatas, sacos, etc. Coas fibras da mellor calidade fabricábanse tamén tecidos para bordalos ou para embalar, fíos finos e rodetes de fío ou de corda. As fibras curtas empréganse, entre outros usos, para encher xuntas en máquinas.