Candeloria

Candeloria
[ONOM]

Prenome feminino procedente do latín candelorum ‘das candeas’, xenitivo de plural de candela ‘candea’, derivado do verbo candeo ‘arder’. Da forma Festum Candelorum ‘festa das candeas’, deriva Candeloria, por creación popular, a carón da forma posterior, Candelaria, de influencia castelá. A forma Candela é un cultismo fronte á patrimonial Candea. Outra forma hipocorística é Candela. Na Festa da Candeloria -que provén, ou ben dunha tradición romana, ou ben das festas Lupercais que tiñan lugar o 16 de febreiro- o sacerdote, durante a misa, bendí as candeas e a xente lévaas despois para a casa e utilízaas para esconxurar o trono ou poñerllas na man aos que están a piques de morrer. A tradición simboliza tamén neste día a festa do amor e do apareamento de todo o reino animal: acaban as xaneiras dos gatos e casan os paxariños. A Candeloria é a patroa das Islas Canarias e celébrase o 2 de febreiro, corenta días despois do Nadal, data na que se conmemora a presentación do neno Xesús no templo de Xerusalén e a purificación da Nai de Deus, de acordo coa lei xudía. A tradición popular recolle abondosa fraseoloxía alusiva a esta festividade: “Pola Candeloria casan os paxariños e vaise a galiñola”, “Pasada a Candelaria, pardás polos beirís”, “Día da Candeloria, inverno fóra. Se chove ou venta, aínda entra”, “Que a Candeloria chore, que deixe de chorar, metá do inverno está por pasar”, “Se treboa de entre a Candeloria e a Anunciazón, corenta días máis de inverno son”, etc.

Palabras veciñas

Candeleda | candelo | candeloria | Candeloria | candeluche | candente | candeón