Candide ou l’optimisme
Relato publicado en 1759 por François M. Arouet, coñecido como Voltaire. É unha novela de formación baseada no esquema narrativo da busca. O obxectivo é atopar o modo ideal de situarse no mundo, concretado no lugar axeitado no que establecerse. O descubrimento do espazo idóneo para existir identifícase co saber existir. O título asocia o nome de Cándido a unha cuestión filosófica, o optimismo, e acada deste xeito un valor de provocación ao unir dúas palabras con connotacións contrarias: a inocencia ou simpleza que suxire o nome de Cándido e a concepción do optimismo como descubrimento da propia identidade, xurdida como unha crítica á proposta de Leibniz do optimismo como aceptación da Providencia. A simpleza do protagonista dificultaralle acadar o seu propio lugar no mundo, en tanto que o seu candor o predispón a crer inxenuamente no que lle impoñen os demais. O coñecemento e a realización do mellor modo de existencia para el, equivalerá á conquista dun criterio que lle permita decidir por si mesmo, fronte ás opinións dos outros. Será o final dun longo camiño a través do mundo que o levará dende a exclusión dunha primeira forma de vida, coa que Cándido se identificara, á aceptación da súa vida con outra noción de existencia. O periplo do protagonista comeza no castelo de Thunder-ten-Tronckh. Baixo as ensinanzas do pseudofilósofo Pangloss cre habitar o mellor dos mundos posibles, non obstante vese expulsado deste paraíso terreal por infrinxir os seus códigos bicando a súa curmá Cunégonde. A descrición do castelo está dominada polo proceder paródico-irónico e remata por converter o suposto paraíso nunha realidade irrisoria. A ironía do discurso pon de manifesto que os valores representados non son absolutos, agás para o inocente Cándido. A concepción do mundo inculcada por Pangloss acompáñao no seu errar polo occidente, trala expulsión do pseudo-edén. A súa aprendizaxe revélase como un percorrido a través das miserias e dos sufrimentos humanos, que o leva a puntos tan distantes como Holanda, Lisboa ou Bos Aires, na procura da súa amada Cunégonde, o último lazo co seu paraíso perdido. Convertido nunha parodia do cabaleiro andante, o personaxe mergúllase nun ambiente que destrúe, aos poucos, a moral optimista herdada. Non obstante , fronte ao código de desesperanza do seu compañeiro de viaxe, Martin, comeza a pensar en construír a súa propia existencia ideal. A busca de Cunégonde lévao a renunciar a dous novos pretendidos paraísos: Eldorado e Venecia. O ideal ao que aspira trala súa estancia nos novos edéns é actuar no mundo real poñendo en práctica a chamada “moral construtiva”, isto é, aprender a vivir no espazo escollido, construíndoo día a día a través do traballo. A empresa culmina no reencontro cunha Cunégonde aldraxada, antiheroína desta parodia do relato de aventuras galantes.