Caneiro, Xosé Carlos

Caneiro, Xosé Carlos

Escritor. Licenciouse en Filoloxía Hispánica e en Xeografía e Historia. Colaborador na prensa e en diversas revistas literarias como Dorna ou Luzes de Galiza, comezou a súa traxectoria literaria cos poemarios O esculpido sorriso dos teus beizos (1984) e Da túa ausencia (1991), Premio Celso Emilio Ferreiro do Concello de Celanova 1989; posteriormente publicou Estación Sur (1994), Premio de Poesía Cidade de Ourense 1992; A valga triste do amor, I Premio Johan Carballeira 1996, e Aínda soñas con piratas (1999). Como narrador escribiu Historias de Monterrei (1988), Premio Ourense de Contos para a Mocidade, reeditado e aumentado en 1995 co título Loias, lucérnulas, e outras historias no fío de Monterrey; O infortunio da soidade (Premio Xerais de Novela, 1992); Un xogo de apócrifos (1997), Premio Torrente Ballester 1996 e Premio Nacional da Crítica en Lingua Galega 1998; Estado Permanente de Fracaso (1997); Tal vez melancolía (Premio García Barros de Novela, 1999); A rosa de Borges (Premio Risco de Literatura Fantástica, 2000) e Ébora (Premio Eixo Atlántico e Premio de Novela Longa Blanco Amor, 2000); participou, ademais, nos volumes colectivos Unha liña no ceo. 58 narradores galegos (1996) co relato “Trinta e sete días sen verte”, e en Novo do trinque (1997), co relato “A metamorfose de Adelino Prim”. No eido do ensaio publicou os artigos xornalísticos O buscador de nada (1990) e participou nos volumes colectivos Gonzalo Torrente Ballester (1999) e A memoria de Ourense (1999).

Cronología

  • Nacemento

    Lugar : Verín