Cangas, Santiago de

Cangas, Santiago de

Igrexa parroquial e antiga colexiata situada en Cangas. Construída en diferentes épocas, a planta, basilical de tres naves, é gótica e a fachada principal, obra de Xácome Fernández, é de estilo plateresco (1589). Esta última consta de dous corpos con columnas estriadas de orde composta e xónica, os intercolumnios están decorados con estatuas de diferentes épocas. O corpo inferior acolle unha porta semicircular flanqueada por dous medallóns nas esquinas, o superior un óculo de grandes dimensións rodeado polas figuras dos catro evanxelistas. O conxunto remata cun frontón triangular cunha imaxe no centro do tímpano do Padre.