cangrexo

cangrexo

(< lat v cancre)

  1. [ANIMAL]
    1. cangrexo real [Geryon affinis, infraorde dos braquiúros]

      Crustáceo malacostráceo da orde dos decápodos, de cuncha de cor vermella intensa, de ata 19 cm de ancho. Abdome moi reducido pregado baixo o cefalotórax nos machos e ovado, pequeno, estreito e delgado nas femias. Patas moi longas, delgadas e algo aplanadas co primeiro par de menor lonxitude pero con pinzas estreitas. Vive no noiro da plataforma continental a 700 m de profundidade. Na beira oriental atlántica distribúese dende Islandia ata o norte de África, sendo abundante fronte ás costas galegas. Captúrase por medio de nasas e, ocasionalmente, co palangre. A partir de 1990 foi obxecto de explotación por parte de mariñeiros galegos, pero a rendibilidade estivo asociada ás subvencións que ofreceu a consellería de Pesca da Xunta de Galicia, nun intento de favorecer unha especie alternativa de marisco. A súa época ideal de consumo é o verán, cando outros mariscos como a centola están en veda. Adoita prepararse cocido con loureiro, de maneira semellante aos demais crustáceos mariños de consumo habitual.

    2. cangrexo terrestre

      Cangrexo que pasa a maior parte da súa vida en terra como os do xénero Sesarma, propios dos mangleirais pero que se van alimentar nos cultivos ou os do xénero Cardisoma, que viven en Florida e nalgunhas illas do Pacífico. Estes últimos acadan os 60 cm de lonxitude e causan estragos nos cultivos, onde se poden atopar 25.000 individuos por Ha. Outras especies chegan á base das palmeiras polas que gabean guiándose pola sombra, tiran abaixo os cocos que escachan contra o chan e aliméntanse da polpa.

    3. cangrexo violinista

      Cangrexo do xénero Uca, caracterizado por presentar os machos unha pinza de gran tamaño e unha cor viva que emprega para incitar as femias na cópula e para intimidar outros machos. Viven en tobos que eles mesmos fabrican no intermareal de costas lamacentas. No sudoeste da Península Ibérica e costas africanas vive a especie U. tangeri.

    4. s m

      Nome que reciben distintos crustáceos da orde dos decápodos, especialmente os mariños da división dos braquiúros, os doceacuícolas da familia dos astácidos e algunhas formas da división dos anomuros, caracterizados por lles rematar o primeiro par de patas nunhas pinzas máis ou menos desenvolvidas. Os de mar gozan de gran prestixio e popularidade en Galicia, ao contrario que os de río, que se consomen principalmente cocidos nas zonas onde é propio, aínda que tamén se poden fritir. Comercialízanse vivos, cocidos ou en conserva. Úsanse para preparar cremas de marisco (o bisque) e un aderezo para peixes, feito coas colas ligadas nunha salsa, denominada á Nantua.

      Sinónimos: caranguexo.
    5. cangrexo araña

      Cangrexo de patas longas e corpo triangular, de dorso provisto de espiñas reviradas, onde moitas especies fixan anacos de algas ou esponxas para aumentar o deseño críptico. Algunhas, como a Hyas coarctatus, abanean as pinzas vivamente coloreadas para atraer e capturar peixes. Outras especies, que viven sobre fondos lamacentos, teñen as patas moi longas como é o caso de Machocheria kaempferi das costas de Xapón, cun corpo de 30 cm e cunhas patas de ata 2,5 m de lonxitude.

    6. cangrexo chícharo

      Cangrexo de reducido tamaño e de corpo arredondado que vive asociado a outros animais. A especie Pinnotheres pisum, de ata 15 mm de lonxitude, vive no interior dos mexillóns, de onde non poden saír as femias ao medrar e son buscadas polos machos de menor tamaño e maior mobilidade. Outras especies viven no recto das candorcas ou no interior das holoturias.

    7. cangrexo común

      Nome co que se coñece a especie Carcinus maenas, de cuncha hexagonal con cinco dentes nas marxes, de cor verde ou castaña de ata 4 cm de lonxitude. Vive en praias e fondos areosos das zonas internas das rías e soporta variacións de salinidade e certo grao de contaminación. Está presente no Mediterráneo e no Atlántico.

    8. cangrexo de mar

      Cangrexo de constitución forte, abdome reducido baixo o cefalotórax e antenas curtas, como o boi, a centola e a nécora, que habitan medios mariños.

    9. cangrexo de santo Antón/cangrexo mulieiro

      Nome co que se coñece a especie Pachygrapsus marmoratus, cangrexo de antenas e ollos moi separados que presenta 3 dentes agudos nas marxes da cuncha cuadrangular, de ata 35 mm de longo e 40 mm de ancho, de cor verde con pintas castañas escuras; ten ademais o primeiro par de patas rematadas nunhas pinzas e o resto das patas peludas. Depredador activo das costas rochosas do Atlántico oriental, dende o golfo de Bizkaia ata Marrocos e do Mediterráneo ata o Mar Negro.

      Sinónimos: queimacasas.
    10. cangrexo de río

      Cangrexo de corpo estreito e abdome longo. Xeralmente de actividade nocturna, andan sobre os fondos e entre a vexetación puidéndose desprazar cara a atrás con vigorosas sacudidas do abdome, principalmente ao sentírense ameazados. Existen unhas 500 especies de cangrexos de río repartidas dende o Ecuador ata a proximidade dos Polos, sendo propias de Europa e Asia as pertencentes aos xéneros Astacus e Austropotamobius. A única especie autóctona na Península Ibérica é Austropotamobius pallipes, denominada cangrexo de río autóctono, relegado a poucos enclaves illados da súa distribución orixinal que en Galicia consistía en pequenas poboacións en cursos calcarios nas montañas orientais. O fungo Aphanomyces astaci provocou neles unha peste (epizootia) en toda Europa na segunda metade do s XX que orixinou a extinción en moitos cursos e que en 1974 se acelerou pola introdución nas marismas do Guadalquivir do Procambarus clarkii, denominado comunmente cangrexo de río americano. Esta especie, orixinaria do sur dos EE UU, na actualidade está presente en gran parte da Península Ibérica, desprazando o cangrexo de río autóctono por competencia directa ou pola transmisión da enfermidade da que é vector. En Galicia, introduciuse nas ribeiras do Louro, dende onde se estendeu ao tramo final do río Miño e ao encoro de Cecebre. Na Península Ibérica tamén se introduciu, principalmente na metade norte, a especie Pacifastacus leniusculus, denominada cangrexo de río sinal , procedente da costa americana do Pacífico. O cangrexo de río de Galitsia, Astacus leptodactylus, propio dos Cárpatos orientais e orixinario dos grandes ríos que desembocan no Mar Negro e no Caspio, estendeuse ata o Báltico e Siberia occidental, e é obxecto de cultivo nos grandes lagos de Turquía.

    11. cangrexo pantasma

      Cangrexo do xénero Ocypodos de coloración e deseño semellante á area. Vive no intermareal das rexións tropicais, onde se despraza ás carreiras polas praias facendo máis aparente a sombra que provoca que o propio corpo sexa críptico. Poden producir sons de intimidación fregando distintas partes das pinzas.

    12. cangrexo peregrino/cangrexo ermitán

      Cangrexo da división dos anomuros, de abdome con exoesqueleto mol, que se protexe no interior dunha cuncha de gasterópodo baleira. Ten atrofiados os apéndices do lado dereito do abdome que presenta pequenas espiñas coas que se fixa ao interior da cuncha, ademais de dous pares de patas reducidas que só colaboran na suxeición. Á parte do par de pinzas presentan dous pares de patas funcionais. Algúns órganos como as glándulas dixestivas, as gónadas e os órganos excretores preséntanse no abdome en vez de na posición orixinal no cefalotórax. Xeralmente se alimentan de restos orgánicos. En caso de perigo o cangrexo introdúcese na cuncha e só se pode ver dende o exterior parte das pinzas. Nas costas areosas ou lamacentas galegas están presentes os xéneros Clybanarius, Dardanus, Diogenes, Paguristes e Pagurus. Por mor do seu abdome brando, tamén recibe o nome de cu podre.

    13. cangrexo porcelana

      Nome co que se coñece a especie Porcellana platycheles, da división dos anomuros, de cuncha redonda e plana de ata 12 mm de lonxitude, antenas longas e co primeiro par de patas cunhas pinzas de ata 20 mm de lonxitude e co quinto par de patas reducido.

  2. adx e s m

    Que ou quen naceu baixo o signo zodiacal de Cáncer.

    Sinónimos: cáncer, caranguexo.

Palabras veciñas

cango | cangón | cangorza | cangrexo | Cangrexo | Cangrexo, punta do | cangroia