Canova, Antonio

Canova, Antonio

Escultor italiano. É un dos máximos representantes da plástica neoclásica. Discípulo de Guiseppe Bernardi, a produción da súa primeira etapa en Venecia continúa a tradición italiana do settecento: Euridice e Orfeo (1773), Dédalo e Ícaro (1778). En 1779, despois dunha viaxe a Nápoles, Herculano, Pompeia e Roma, e influído por Johann Joachim Winckelmann, iniciou o seu período de madurez, dentro xa do neoclasicismo. En 1781 estableceuse en Roma e alí realizou, entre outras obras, Teseo e o Minotauro (1782), os mausoleos dos papas Clemente XIV (1783-1787), na igrexa dos Santos Apóstolos, e de Clemente XIII (1787-1792), en San Pedro, e Amor e Psique (1792?), ademais de exercer o seu maxisterio sobre artistas de diversos países. Durante a invasión francesa, estableceuse en Viena onde realizou na Augustinerkirche o mausoleo de María Cristina (1798). De regreso a Roma, esculpiu Perseo (1801) e Os loitadores (1802). En 1802 Napoleón chamouno a París onde fixo a escultura de Paulina Bonaparte como a Venus Vincitrice (1805-1807). En 1805 realizou a Venus itálica e en 1816, nunha viaxe a Londres motivada polo encargo do papa de recuperar as obras espoliadas polos franceses, estudiou os frisos e os frontóns do Partenón, feito que influíu na súas obras posteriores, entre as que destacan Teseo e o Centauro (1819) e a estatua ecuestre de Carlos III en Nápoles (1820). Realizou tamén algunhas pinturas como o seu autorretrato, así como o proxecto da igrexa de Possagno (1819), onde se conserva un importante número de escaiolas e debuxos.

Cronología

  • Nacemento

    Lugar : Possagno, Veneto

  • Deceso

    Lugar : Venecia