Cánovas del Castillo, Antonio
Político e escritor. Participou na preparación do movemento militar da Vicalvarada (1854), que deu inicio ao Bienio Progresista. Redactou o Manifiesto de Manzanares (1854), declaración programática da futura Unión Liberal, partido polo que foi elixido deputado a Cortes e, máis tarde, designado director xeral da administración local e subsecretario de gobernación con O’Donnell (1858). Foi ministro da Gobernación no goberno de Mon (1864) e de Ultramar no último ministerio O’Donnell (1865). Non participou na Revolución de 1868 nin apoiou a causa de Isabel II. Deputado ás Cortes de 1869, defendeu posicións conservadoras. En 1873 designárono xefe do partido afonsino e dirixiu a campaña para a restauración da monarquía borbónica na persoa de Afonso XII. Nomeado xefe de goberno (1875), desenvolveu o sistema político da Restauración que ideara, baseado na unión de monarquía e Cortes a través dun texto constitucional (1876) que permitiu a división de poderes. Pactou con Sagasta a alternancia no poder dos partidos conservador e liberal, feito que se mantivo durante a rexencia da Raíña María Cristina tralo Pacto del Pardo (1885). No eido da política exterior, os últimos anos do seu mandato estiveron marcados polos problemas de Filipinas e Cuba, que intentou resolver mediante a intervención do exército. No campo económico pasou do librecambismo a unha política proteccionista. Morreu asasinado polo anarquista Michele Angiolillo. Realizou estudios literarios e históricos, entre os que destacan Estudios literarios (1868), La casa de Austria en España: bosquejo histórico (1869), La campana de Huesca: crónica del siglo XII (1886) e Estudios del reinado de Felipe IV (1888). Dirixiu a obra Historia General de España (1890). Foi director da Real Academia de Historia, membro da Real Academia Española e presidente do Ateneo de Madrid.
Cronología
-
Nacemento
Lugar : Málaga -
Deceso
Lugar : Balneario de Santa Águeda, Gipuzkoa