Cantábrico, Mar

Cantábrico, Mar

Parte do Océano Atlántico que baña as costas do N da Península Ibérica e do SO de Francia (golfo de Bizkaia). Como é un mar moi aberto ao océano, non ten as características hidrolóxicas propias dos mares interiores, polo que a súa denominación é simplemente local. Paralelo á Cordilleira Cantábrica, chega a unha profundidade máxima de 5.000 m. Na plataforma continental de Bizkaia (de 60 km de lonxitude) desenvolveuse un canón submarino de 245 km de lonxitude e 495 m de profundidade. O litoral na banda da Península Ibérica é recortado e abrupto, e na banda francesa é recto e chan. Estendido dende os 43° de latitude N, a súa salinidade é no interior inferior ao 35‰, e ten unha gran riqueza en plancto. A temperatura das augas superficiais en xaneiro é de 11°C, mentres que no verán chega ata os 18°C no lado occidental debido á transgresión atlántica, que de xullo a setembro transporta auga cálida. Esta época correspóndese coa tempada de pesca do bonito e da sardiña, que migran coa corrente. A pesca destas especies é unha das principais actividades das poboacións da súa ribeira. No sector galego, comprendido entre o cabo Ortegal (concello de Cariño), ao O, e o río Eo (concello de Ribadeo), ao L, sobresae o porto de Burela, xunto cos de Cariño, Espasante, O Barqueiro (Mañón), Celeiro (Viveiro), Foz e Ribadeo. Entre os demais, cómpre destacar Navia, Luarca, Avilés, Cudillero, Gijón e Ribadesella en Asturias; San Vicente de la Barquera, Suances, Santander, Santoña, Laredo e Castro Urdiales en Cantabria; Santurtzi, Bilbao, Bermeo e Ondarroa en Bizkaia; Zarautz, Donostia, e Hondarribia en Gipuzkoa; e Baiona e Bordeos en Francia. Polo que respecta ao litoral galego, pódese dividir en dous sectores: entre o cabo Ortegal (concello de Cariño) e Burela sucédense as rías de Ortigueira, O Barqueiro e Viveiro, nunha costa moi recortada e onde é posible atopar dende praias areosas ata ariscos acantilados, así como as pegadas de movementos eustáticos. Entre Burela e Ribadeo o relevo resólvese nunha franxa de topografía chaira, a rasa, nivel de aplanamento de altitude inferior a 100 m que se estende cara ao interior cunha largura media de 2 km, tamén produto de movementos eustáticos.