Canterbury

Canterbury

Cidade do condado de Kent, no SL de Inglaterra, Reino Unido, á beira do río Stour (116.829 h [1981]. É un coñecido mercado agrícola e núcleo industrial, onde destacan as empresas téxtiles e as de elaboración de produtos lácteos. A cidade correspóndese coa colonia romana chamada Durovernum. Os primeiros misioneiros, enviados por santo Agostiño de Canterbury, establecéronse no 597. Converteuse en sé episcopal no ano 602 e a sé titular foi designada como primada de Inglaterra. O arcebispo Thomas Becket foi asasinado na catedral en 1170 e, despois da súa canonización (1172), Canterbury converteuse nun centro de peregrinaxe moi frecuentado na Idade Media. A construción da Christ Church Cathedral iniciouna en 1070 o arcebispo Lanfranc. En 1174 un incendio destruíu a cabeceira, que sería reconstruída polo mestre francés Guillaume de Sens baseándose nun esquema da catedral de Sens. En 1379 derrubouse a nave para construír unha nova, acabada en 1400, obra mestra do gótico perpendicular. A Bell Harry Tower, que é cuadrangular, construíuse entre 1495 e 1503. A catedral contén vidreiras de tipo francés na cabeceira (1190); destacan tamén os sepulcros do Príncipe Negro (morto en 1376) e de Enrique IV (1443). Consérvanse parte das murallas medievais e restos do castelo. O convento beneditino fundado por santo Agostiño de Canterbury conserva a igrexa do s XI.