Cantón

Cantón

Capital da provincia de Guangdong, na rexión do Centro-sur, China (2.914.281 h [1990]). Situada á beira do delta dos ríos Xi, Bei e Dong, a cidade esténdese ao longo da beira esquerda do río Zhu, aínda que a área urbana comprende outros núcleos máis arredados, como Huang-pu (Whampoa), porto para barcos oceánicos. Actualmente, estase a producir unha forte expansión da industria moderna. Entre os monumentos históricos de Cantón cómpre destacar: na parte occidental, o Liu rong si (479), o templo Guang Xiao si (s IV) e, na parte oriental, o Zhen hai lou (1380), sede do museo histórico. Cantón, posesión do imperio chinés desde o s III a C, foi durante a dinastía Han centro do estado autónomo de Nanyue. Na dinastía Tang (618-907) a cidade converteuse no primeiro porto de chegada dos comerciantes hindús e árabes, pero a prosperidade da cidade data da época Song (900-1279). Foi tamén o primeiro porto chinés visitado regularmente polos europeos: os portugueses chegaron alí no 1514, os ingleses estableceron relacións comerciais no 1699, os franceses no 1725 e os holandeses no 1762. Cara a mediados do s XIX, o contrabando do opio provocou violentos incidentes entre chineses e británicos, que orixinaron a chamada Guerra do Opio (1842). Ao rematar este conflito o porto de Cantón permaneceu aberto ao tráfico de persoas e produtos estranxeiros, xunto con outros portos chineses. O porto foi un centro da emigración chinesa a ultramar e, desde aquela, un foco de entrada á China de ideas e métodos occidentais. A comezos do s XX converteuse nun importante núcleo revolucionario onde se desenvolveu a fracasada Revolución de 1911, posteriormente foi sede do goberno republicano establecido por Sun Yat-sen, presidente do Kuomintang no 1917, e escenario dunha sublevación comunista no 1927 reprimida por Chiang Kai-shek. Conquistada polos xaponeses no 1938, permaneceu baixo o seu dominio ata o final da guerra, no 1945.