Caño, Xosé Manuel del

Caño, Xosé Manuel del

Pintor, xornalista e poeta. No eido artístico, as súas exposicións reflicten a influencia expresionista, surrealista e do pop-art. Colaborou con artigos literarios en diversos xornais, entre outros no suplemento El Sábado de Faro de Vigo, e foi director da revista literaria Follas secas. Membro fundador da editorial SPAC, exerceu como secretario do Padroado Curros Enríquez dende 1985 e foi un dos promotores do Premio Celanova Casa dos Poetas. Deuse a coñecer no mundo literario co libro de relatos O mal tempo (1981) e, posteriormente, publicou Lembranza dun home (1983), os relatos Once nudos I (1984) e Once nudos II (1985), e a novela Areas (1990). É tamén autor dos volumes de entrevistas Conversas con Manuel María (1990) e Cen galegos (1993). En colaboración con X. L. Méndez Ferrín coordinou Voz e voto. Homenaxe a Celso Emilio Ferreiro no X aniversario do seu pasamento (1991). En 1997 publicou a miscelánea Literaria, vinte traballos xornalísticos que deu a coñecer no Faro de Vigo entre 1992 e 1996.

Cronología

  • Nacemento

    Lugar : Santa Eufemia, Celanova