Cao Losada, Emilio
Músico e cantautor. Foi o iniciador da corrente celta co lanzamento do seu primeiro disco Fonte do araño (1977), que supuxo unha renovación no eido musical, e o primeiro músico en recuperar a arpa como instrumento dentro da música tradicional galega. Boa parte do seu repertorio é cantado, tomando como base poemas propios e textos de Rosalía de Castro, Manuel Antonio, Uxío Novoneyra ou Suso de Toro, entre outros poetas. A partir de 1983 compuxo bandas sonoras para cine e teatro, entre as que destacan Xoana, de Xulio Lago (1986); Medea, de Eduardo Alonso (1989); Hamlet, de Ricard Salvat (1991); ou Unha rosa é unha rosa, de Suso de Toro (1997). Colaborou co coreógrafo Daniel Goldin musicando as coreografías La peregrinación (1986) e La sombra y la luna (1992), gañadoras, respectivamente, do primeiro premio á mellor coreografía do VII Concurso das Artes de Arxentina e á mellor coreografía do Concorso Internazionale de Coreografías Cittá de Caglieri de Italia. Na súa discografía destacan, amais, A lenda da pedra do destiño (1980), No manto da auga (1982), Sinbad en Galicia (1996), Cartas mariñas (reedición 1997), Amiga alba e delgada (reedición 1998) e Narconights (2000). Recibiu en Moscova o primeiro premio á calidade artística do Festival Internacional de Programas Musicais de Televisión, Raduga, polo seu programa E o tempo fiando un pano, e o premio especial á traxectoria artística en Disco Ideal (1998).
Cronología
-
Nacemento
Lugar : Santiago de Compostela