1 capa

1 capa

(

  1. [INDUM]
    1. s f

      Peza de roupa longa e folgada que se ensancha progresivamente dende o pescozo ata máis abaixo dos xeonllos, aberta por diante e sen mangas, que se leva sobre as costas cubrindo a vestimenta.

      Ex: Os mozos da tuna levan unhas capas adornadas con moitas fitas de cores.

      Confrontacións: capote, tabardo.
    2. capa augadoira

      Capa confeccionada con tea impermeable para protexerse da chuvia.

    3. capa consistorial/ magna

      Capa de maior tamaño ca a pluvial que empregan os arcebispos no coro para asistir os oficios divinos e outros actos capitulares.

    4. capa de augas/de palla

      Carapucho que servía antano para protexerse da chuvia, similar á coroza pero con menos pezas.

    5. capa de coro

      Capa que usan as dignidades, os cóengos e demais prebendados nas igrexas catedralicias e colexiais.

    6. capa pluvial

      estidura en forma de capa, xeralmente de seda e con carrapucha, que usa o celebrante nalgu-nhas cerimonias litúrxicas como a aspersión da auga bendita, a bendición, a procesión do Santísimo Sacramento, etc. Recibiu esta denominación das procesións que se realizaban fóra do adro da igrexa e nas que se empregaba esta peza de vestir como protección fronte á chuvia.

  2. s f
    1. Substancia que se estende dunha maneira uniforme sobre algunha cousa.

      Ex: Cubriu a parede con outra capa de pintura branca.

    2. [ALIM]

      Caldo, mollo, crema ou calquera outro líquido que se bota por riba dunha preparación culinaria de maneira que a recobre e a baña.

      Ex: Botoulle unha capa de chocolate ó flan para que soubese mellor.

    1. s f

      Cada un dos diversos planos superpostos que constitúen un todo.

      Ex: O profesor explicou as distintas capas da atmosfera. Antes de lle pór a capa de galletas á torta unta o fondo da forma con manteiga.

    2. s f [FÍS]

      Nivel de enerxía que nun átomo pode atribuírse a un ou a distintos electróns corticais en función do seu número cuántico principal n. Considéranse como máximo sete capas de electróns que, por orde, se denominan: K, L, M, N, O, P e Q (a capa K é a máis próxima ao núcleo). Unha capa completa contén 2n 2 electróns. Estas capas constan, respectivamente e como máximo, de 2, 8, 18, 32, 18, 8 e 6 electróns.

    3. s f [FÍS]

      Zona ou parte dun semicondutor cunhas características cristalinas determinadas que, en contacto con outras semellantes, permite obter os diferentes dispositivos electrónicos.

    4. s f [XEOL]

      estrato.

    5. capa dura [XEOL]

      Horizonte duro dun solo. En particular aplícase ao alios ou orststein, capa de dureza debida á cimentación por acumulación de óxido de ferro e de humus. Típica de solos podzólicos, representa un obstáculo para a penetración das raíces.

    6. capa límite [FÍS]

      Capa delgada do fluído contigua á superficie dun corpo que se move dentro del ou do tubo por onde circula o fluído; as forzas debidas á viscosidade exercen unha grande influencia no movemento, sexa o do corpo, sexa o do fluído.

    7. capa límite [METEOR]

      Capa turbulenta de aire xerada polo seu desprazamento sobre a superficie ríxida e rugosa do globo terráqueo e pola elevación convectiva, por caldeamento, de burbullas de aire. A súa espesura media é de 1 km, entre 1 e 2 km durante o día e 100 m pola noite.

  3. s f

    Aparencia para encubrir ou ocultar a realidade de algunha cousa ou a alguén.

    Ex: Debaixo desa capa de bondade esconde a peor das malicias.

  4. s f [ETN]

    Pedra do muíño en forma de roda que xira sobre outra fixa chamada pé.

    Ex: Entraron no muíño e partiron a capa.

  5. s f [ETN]

    Peza de pedra, normalmente de forma circular, cun diámetro dun metro aproximadamente, que vai colocada enriba dos pés do hórreo e que ten como función impedirlle o acceso á cámara aos roedores.

    Sinónimos: rateira, tornarratos.
  6. s f [SOCIOL]

    Grupo social que comparte características comúns que os fan diferentes dos demais individuos, formando un grupo definido dentro dun conxunto.

    Ex: A sociedade estamentaria medieval dividíase en distintas capas sociais segundo o poder económico.

    Sinónimos: camada, estrato.
  7. s f [ALIM]

    Intensidade de cor nun viño tinto. Dise que ten unha capa alta cando ten unha cor intensa e está ben cuberto; unha menor intensidade dá lugar a unha capa media ou capa baixa.

  8. s f [MAR]

    Modo de navegación no que a embarcación está case parada, malia haber vento, e que ten por obxecto conseguir unha maior seguridade para a embarcación. Esta manobra faise para aguantar un temporal ou cando se quere esperar a outro barco. 

  9. s f [MAR]

    Anaco de lona embreada que envolve o pau dun barco na proximidade da cuberta e que, cravada a esta, impide que entre auga para o pé da árbore.

  10. s f [DER]

    Gratificación que os fretadores daban ao capitán dun barco para estimular o seu celo na execución do contrato.

  11. s f [HERÁLD]

    División do escudo aberto en pavillón dende a metade do xefe ata a dos francos. Ao igual ca o mantelado, é unha variedade do cortinado.

Frases feitas

  • Andar de capa e bimba. Andar a pasar o tempo.

  • Buscar alguén de capa negra en Santiago. Buscar algunha cousa que é difícil de atopar porque os datos de que se dispoñen son moi imprecisos.

  • Capa do ceo. O propio ceo.

  • Capas do ollo. Pálpebras.

  • Facerlle unha persoa a capa a alguén. Procurar ser agradable a alguén.

  • Non ter máis que a capa ao lombo. Ser moi pobre e non ter oficio onde gañar o pan.

  • Poñer a capa como vén o vento. Adecuarse ás circunstancias do momento.

  • Ser capa de alguén. Encubrir as accións deshonrosas dunha persoa.

  • Ten capa de santo. O que hipocritamente aparenta ser boa persoa.

  • Tirarlle a alguén a capa. Advertir a alguén dalgún perigo.

  • Todos son bos e a miña capa non aparece. Ser víctima dalgún engano por parte dalgunha persoa considerada como amiga.

Palabras veciñas

CAP | CAP | cap rock* | 1 capa | 2 capa | Capa, Cornell | Capa, Robert