Capelada, serra da

Capelada, serra da

Sistema montañoso da comarca de Ortegal, no extremo setentrional da Comunidade Autónoma de Galicia. Esténdese entre as parroquias de Cariño, Feás, Landoi, Pedra e Sismundi, no concello de Cariño; Veiga e Mera, no concello de Ortigueira; e Montoxo e Régoa, no concello de Cedeira. Asentado sobre unha litoloxía precámbrica dominada polas rochas básicas e ultrabásicas (gneis, serpentinita, anfibolita), as súas máximas altitudes corresponden aos 664 m do monte Herbeira e aos 572 m do Concepenido. Na súa banda occidental, ao caer sobre o mar, forma uns cantís que se estenden dende a punta Sarridal, na ría de Cedeira, ata a punta dos Aguillóns, no cabo Ortegal. Estes acantilados, cos 620 m de altitude da Vixía Herbeira, son os máis altos da beira europea do Océano Atlántico.