capitán -na

capitán -na

(< lat tardío capitānu)

  1. [BÉL]
    1. s

      Oficial do exército de terra, de grao superior ao de tenente e inferior ao de comandante, a quen regulamentariamente corresponde o mando dunha compañía, dun escuadrón ou dunha batería. Antigamente, o capitán era simplemente o que mandaba unha maior ou menor cantidade de tropa (ou xente armada). Este grao foi establecido en Francia no s XIV e en Castela durante o reinado de Isabel I, coa organización da milicia. Coa creación do terzo no s XVI, o capitán creou, mandou e administrou unha compañía nomeando os cargos subalternos. Cando foi substituído o terzo polo rexemento (1702), o capitán ocupou o lugar entre o maior e o primeiro tenente; a lei de 1878 colocouno entre o comandante o o alférez, e a lei de 1889 entre o comandante o o primeiro tenente. A divisa actual dos capitáns está constituída por tres estrelas de seis puntas que forman un triángulo, colocadas na gorra e sobre o puño da casaca.

    2. capitán xeneral

      En España, grao supremo da xerarquía militar, equivalente ao mariscal francés ou ao mariscal de campo alemán. O título aparece co mandato dos Reis Católicos. A mediados do s XVI comezaron a designarse con este nome os graos superiores da xerarquía militar do exército real dos Austrias. Posuía sobre o territorio e o exército a autoridade superior en tempo de guerra e ocupaba o cargo mentres se desenvolvía a campaña. Nas zonas fronteirizas, onde o estado de guerra era permanente, o cargo adquiriu xurisdición territorial. Na actualidade, o capitán xeneral, ademais da xurisdición territorial, ten mando sobre as forzas que constitúen os respectivos corpos do exército. A persoa que teña o título de capitán á fronte dunha rexión militar só goza deste tratamento mentres desempeñe o cargo. En Galicia, o primeiro capitán xeneral e gobernador foi Fernando de Acuña, nomeado no 1480 polos Reis Católicos co fin de reprimir calquera manifestación descentralizadora. Os seus poderes eran amplos, podían decretar un desterro ou unha encarceración, ditaminar causas civís ou militares, nomear xuíces e corrixidores onde fose conveniente, levantar en armas unha ou máis comarcas e obrigar os concellos a proporcionar auxilio. Este paso foi o primeiro para a constitución do tribunal colexiado ou Audiencia. No s XVII os asuntos militares encomendáronse ao capitán xeneral que debía de ocuparse das levas, defensa, intendencia e nomeamento de cargos. Como gobernador podía encargarse do goberno político do reino. As guerras e as levas da segunda metade dos ss XVI e XVII reforzaron o papel militar da nobreza do reino e moitos fidalgos posuían o título de capitán, como xefes de compañías locais.

  2. [BÉL]
    1. s

      Grao de oficial da mariña de guerra superior ao de tenente de navío e inferior ao de vicealmirante.

    2. capitán de corveta

      Nalgunhas mariñas de guerra europeas, oficial que posúe o grao do corpo xeral da armada, superior ao de tenente de navío e inferior ao de capitán de fragata e equivalente ao grao de comandante do exército de terra.

    3. capitán de fragata

      Nalgunhas mariñas de guerra europeas, oficial que posúe o grao do corpo xeral da armada, superior ao de capitán de corveta e inferior ao de capitán de navío e equivalente ao grao de tenente coronel do exército de terra.

    4. capitán de navío

      Nas mariñas de guerra europeas, oficial que posúe o grao do corpo xeral da armada, superior ao de capitán de fragata e inferior ao de contraalmirante e equivalente ao cargo de coronel do exército.

    5. capitán de porto

      Oficial da armada que posúe o cargo anexo ao de comandante ou axudante de mariña. As súas atribucións son a regulación da navegación dun porto e a conservación das instalacións naúticas.

    6. capitán xeneral da armada

      Xefe superior das forzas navais dun estado, que nos países anglosaxóns recibe o nome de almirante de flota. En España o cargo, creado en 1793, ostentaba a dirección orgánica e técnica da armada, pero non a capacidade operativa, que era do rei. Suprimido en 1869, foi reinstaurado por Afonso XII en 1912 e suprimido novamente en 1932. Despois de 1939 foi novamente reinstaurado e detido polo xeneral Franco. Coa restauración democrática, a mariña organizouse en cinco capitanías xenerais (Mediterránea, Canarias, Estreito, Cantábrica e Central), cada unha delas encabezada por un capitán xeneral con graduación de almirante.

  3. [HIST]
    1. s

      Na xerarquía feudal da Alta Idade Media, gran feudatario.

    2. s

      Xefe dunha confraría ou irmandade relixiosa.

    3. s

      Comandante ou gobernador dunha praza ou territorio, só en tempo de guerra e fóra das extensións metropolitanas da Coroa. Nestes lugares os funcionarios ordinarios eran normalmente as autoridades militares.

    4. s

      Na Idade Media, xefe militar dunha galera (capitán de galera) , dunha nave (capitán de nave) ou de pequenas flotas, ao que se lle confiaban misións de corso ou de policía marítima. Xerarquicamente, estaba sometido ao almirante, ao vicealmirante ou ao capitán xeneral.

    5. capitán da Irmandade

      Xefe operativo da Revolta Irmandiña desenvolvida en Galicia entre os anos 1465 e 1469. O seu cargo estaba por riba da estrutura organizativa básica e xeral constituída por alcaldes e cuadrilleiros. Os capitáns da Irmandade escollíanse entre a nobreza debido á súa preparación militar e dotes de mando, pero tamén é posible que exercesen o cargo os homes sobresalientes nas cabezas de lugar (cidades ou vilas). A unión dos nobres tivo lugar cando a xente xa se organizara en Irmandade e derrubara algunhas fortalezas. Como capitáns destacan Pedro Osorio, Alonso de Lanzós e Diego de Lemos.

    6. capitán de castelo

      Oficial que tiña ao seu cargo o mando dun castelo, tanto en tempos de paz como de guerra. Non tiña ningún dereito nin participación na xurisdición ou no goberno do termo ou baronía, e podía ser cambiado segundo a libre vontade do señor. Foron numerosos desde o s XIII e duraron ata fins do s XVI.

    7. capitán do pobo

      Xefe do partido popular que apareceu cara á metade do s XIII e que estaba excluído do goberno en moitas cidades medievais italianas.

    8. capitán xeneral de artillería

      Militar que ocupaba o cargo xurdido nos reinos peninsulares hispánicos en 1501 co nome de vedor xeneral de artillería. En 1528 adoptou o nome de provedor e vedor e, en 1541, o de capitán xeneral. Del dependía a dirección e a inspección da fabricación de pezas, pólvora, armas e municións, o seu almacenamento e distribución, e o control do persoal de artillería.

    9. capitán xeneral de escuadra

      Comandante superior das escuadras de galeras que tiña o labor de gardar cada unha das escuadras mediterráneas da monarquía hispánica, dependente do capitán xeneral do mar. No s XVI creouse o cargo en Sicilia, España e Nápoles, e no s XVII en Sardeña.

    10. capitán xeneral do mar

      Comandante superior das forzas navais da monarquía hispánica dos Austrias no Mediterráneo e no Adriático. O cargo foi creado por Carlos V en 1517 e extinguiuse en 1625. Destacaron como capitáns, Andrea Doria, Xoán de Austria e Filiberto de Savoia.

    11. capitán xeneral do mar océano

      Capitán da mariña que exercía a vixilancia e a defensa do tráfico marítimo castelán no Atlántico, especialmente contra a piratería. Este cargo creouse en 1540 cunha xurisdición reducida: do estreito de Xibraltar a Hondarribia. Ao longo do s XVI ampliou o seu ámbito de xurisdición, chegando a todo o Atlántico. En 1647 quedou subordinado ao novo cargo de gobernador xeneral de todas as armas marítimas.

  4. s [MAR]

    Oficial graduado que exerce ou pode exercer o mando dun navío mercante, de pesca ou de pasaxeiros.

    1. s

      Quen manda ou capitanea un grupo de persoas en determinadas actividades.

      Ex: O capitán dos bandoleiros dirixía todos os seus atracos. O capitán ordenou que pintasen as paredes do dormitorio.

    2. s [DEP]

      Deportista que representa o seu equipo ante os árbitros ou xuíces. Nalgúns deportes é responsable de verificar coa súa sinatura a correcta inscrición do seu equipo, sendo ademais o único autorizado a dirixirse aos árbitros para facer observacións sobre o estado do terreo ou dos instrumentos empregados no xogo. No cadro de persoal dos equipos profesionais, os capitáns adoitan asumir a representación dos seus compañeiros na negociación colectiva das remuneracións por consecución de obxectivos deportivos (primas) e das circunstancias e condicións xerais do traballo.

    3. s [DEP]

      Nas competicións por equipos de tenis, persoa que selecciona os tenistas que integran o equipo e decide a súa orde de intervención nas eliminatorias. Representa os tenistas ante a organización e os xuíces e, por iso, pode sentar onda os xogadores e dirixirse a eles nos descansos entre xogos, prerrogativas que non lles están permitidas aos adestradores no resto dos torneos.

    4. capitán de industria [HIST]

      Xefe promotor dunha grande industria comercial. Esta designación empregouse, sobre todo, para referirse aos homes de empresa da Revolución Industrial.

  5. adx e s f [BÉL]

    Aplícase á nave na que vai e leva a súa insignia quen comanda diversas naves de guerra reunidas.

  6. s f

    Muller do capitán.

Frases feitas

  • capitán de chaves HIST Persoa encargada de abrir e pechar as portas dunha fortificación ás horas marcadas pola ordenanza.

  • Capitán de meigas/meigos. Persoa que dirixe unha procesión de espíritos.

  • 8

Palabras veciñas

capitalización | capitalizado -da | capitalizar | capitán -na | Capitán, O | Capitanata | capitanear