Capri

Capri

Illa da provincia de Nápoles, na Campania, Italia (10,5 km2; 7.300 h [estim 1995]). Está situada no Mar Tirreno, entre os golfos de Nápoles e Salerno. É unha illa montañosa, continuación xeolóxica da península de Sorrento. No seu litoral atópanse acumulacións calcarias, que deron orixe a numerosas grutas, entre as que destacan a Gruta Azul e a Gruta Verde. O seu clima é temperado. Os núcleos de poboación máis importantes son Capri e Anacapri. É un dos centros turísticos máis frecuentados da Italia meridional, cunha afluencia de 40.000 visitantes anuais. Na agricultura os principais produtos cultivados son os cítricos, figos, oliveiras e viñas. Produce un dos viños con máis prestixio de Italia, co nome de Lágrimas de Tiberio. Hai restos do Paleolítico, considerados os primeiros da Campania. Durante a dominación romana a antiga Capreae foi a residencia favorita de moitos emperadores, entre eles Augusto e Tiberio. Despois de pertencer aos monxes de Montecassino e á República de Amalfi, a illa conquistárona os cataláns en 1284, e polo Tratado de Anagni (1285) foille devolta a Carlos II d’Anjou. En 1815 pasou ao Reino das Dúas Sicilias.