Caracas
Capital do distrito federal de Caracas e do estado de Venezuela, situada no val de Caracas, na cordilleira da Costa (1.930 km2; 1.964.846 h [1992], 3.435.795 h na aglomeración urbana). O val orixinouse por un afundimento tectónico. Está drenada polo río Guaire. O seu clima é subtropical, cunha temperatura media anual de 20,3°C e 820 mm de precipitacións. A estación seca está claramente marcada entre decembro e abril. O crecemento máis importante da poboación alcanzouse sobre todo a partir de 1945, polo aumento da área metropolitana, que abrangue parte do distrito de Sucre. É o principal centro comercial do país, ademais de núcleo industrial e administrativo máis importante. Destacan as industrias de tecidos, cauchos, refrescos, pinturas e vernices. Pero o sector con maior auxe e importancia é o da construción. A cidade sérvese do porto de La Guaira, no Caribe. Posúe aeroporto internacional en Maiquetía. É centro de ensino superior, no que destaca pola súa antigüidade a Universidad Central de Venezuela, fundada en 1725. Quedan xa poucos vestixios da época colonial, porque a cidade sufriu varios sismos. Foi fundada por Diego de Lozada o 25 de xullo de 1567 sobre un asentamento de indios caracas, e nun principio chamóuselle Santiago de León de Caracas. No ano 1578 pasou a ser capital de Venezuela. A Compañía Guipuzcoana de Caracas, fundada en 1725, fomentou o cultivo do cacao e ostentou o monopolio comercial de Caracas desde 1742. As reformas de Carlos III na regulamentación do libre comercio entre as Indias e a metrópole (1778) provocaron a decadencia da compañía e favoreceron os crioulos. A cidade revitalizouse coa creación da Audiencia (1786) e do Consulado (1792) para regular e fomentar o comercio. Durante a guerra contra Napoleón, Caracas rexeitou o goberno bonapartista e nomeou deputados que constituíron o 19 de abril de 1810 a primeira xunta de goberno de América Latina; esta xunta recoñeceu como rei a Fernando VII. O 5 de xullo de 1811, o país proclamou a súa independencia; posteriormente, no mes de xaneiro de 1830, Venezuela separouse da República da Gran Colombia e Caracas converteuse en capital da nova República.