Caramés Medín, Evaristo
Fotógrafo. Coñecido como Vari Caramés, ao longo da súa traxectoria profesional organizou numerosas exposicións individuais, entre as que destacan as celebradas no Ateneo da Coruña (1985), no Centro de Estudos Fotográficos en Coimbra (1987), no Círculo de Bellas Artes de Madrid (1989), na Bienal de Fotografía de Vila Franca de Xira, en Lisboa (1995), e dúas retrospectivas, unha no Festival Internacional de Fotografía, en Bos Aires, e outra en Montevideo, na sala do ministerio de Educación y Cultura. Amais participou en exposicións colectivas como: Antropologia e memória (1987) da Fundação Gulbenkiam, en Lisboa; Confrontaciones (1988), no Museo Español de Arte Contemporáneo, en Madrid; Fotografía española contemporánea. Un paseo por los 90 (1995), celebrada en Lisboa, Atenas, Varsovia, Bremen, Utrecht e Manchester; 150 años de fotografía española (1999), no Círculo de Bellas Artes de Madrid; e Desde mi ventana (2000), no Château de Eau, en Toulouse. Colabora en numerosas publicacións periódicas, como Camera Internacional, Fotoprofesional, Luzes de Galicia, Galicia Moda, Animal, Compostelán, Diario 16 de Galicia e Bravú, entre outras. Publicou amais o libro Vari Caramés (1989). A súa obra exponse no Centro Galego de Artes da Imaxe da Coruña, no Centro de Arte Reina Sofía e no Círculo de Bellas Artes de Madrid, no Centro de Estudos Fotográficos de Braga, no Instituto Valenciano de Arte Moderno, en València, e no museo Marugami, en Hirai (Xapón). Entre os numerosos premios que recibiu destacan o primeiro premio da Fundación 10 de Marzo (1995), en Santiago, e o Premio Luis Ksado (1997 e 1998).
Cronología
-
Nacemento
Lugar : Ferrol