carballeira
(< carballo)
Comunidade vexetal onde a especie de árbore predominante é o carballo. Constitúe o bosque caducifolio máis común en Europa central e na parte máis húmida da Península Ibérica. Estes bosques resultan substituídos altitudinalmente por faiais ou bosques de abetos e piñeiros, e nas chairas máis húmidas por comunidades arbóreas palustres e ribeirías. Na Península Ibérica as carballeiras constitúen a formación vexetal típica de case todo o Pireneo, Euskadi, Cantabria, Asturias, Galicia e norte de Portugal (área coincidente co reino eurosiberiano), aínda que tamén están presentes en sistemas montañosos do reino mediterráneo. Estas formacións vexetais presentan un estrato arbóreo que acada normalmente os 30 m e no que algunhas árbores poden chegar aos 40 m de altura. Baixo este estrato establécese un substrato arbóreo pouco uniforme, de entre os 10 e os 15 m, composto por numerosas árbores de cancereixos, estripeiros, maceiras bravas, acivros, teixos, sabugueiros e abeleiras, ademais doutro estrato de arbustos. Gracias ao carácter heteroxéneo dos portes das árbores, chega a suficiente luz ao solo destes bosques como para permitir a existencia dun último estrato herbáceo variado, especialmente os xeófitos e hemicriptófitos que se desenvolven rapidamente na primavera, antes da aparición da folla das árbores. As carballeiras ibéricas poden estar constituídas principalmente por catro carballos distintos: o carballo común, o carballo cerquiño, o carballo pubescente e o carballo albar. As carballeiras formadas polo carballo común danse xeralmente en solos ben desenvolvidos e a miúdo ácidos, e teñen a súa área principal de distribución no noroeste da Península Ibérica: cobren practicamente toda Galicia e a metade occidental de Asturias, localízanse tamén en extensas áreas da Cordilleira Cantábrica e penetran polo Atlántico ata o sur da provincia de Salamanca a través do Sistema Ibérico. Nestas carballeiras ademais do carballo común abundan o bidueiro, a faia e o castiñeiro. A presenza de perennifolios como loureiros, aciñeiras, sobreiras, érbedos, hedras, acivros e teixos testemuñan a evolución destes bosques a partir de laurisilvas terciarias e xustifican a clasificación das carballeiras actuais, presentes nas áreas máis térmicas, no mesmo grupo ca as laurisilvas, propias de zonas temperadas ou cálidas. As carballeiras que subsisten próximas ao litoral presentan fentos relitos subtropicais como Woodwardia radicans, Culcita macrocarpa, Hymenophyllum tunbrigense, Osmunda regalis ou Davallia canariensis. A riqueza destes elementos florísticos subtropicais terciarios distinguen as carballeiras da Península Ibérica das do resto de Europa. Os bosques de Galicia, do norte de Portugal e do occidente de Asturias, zonas pertencentes á antiga Gallaecia, caracterízanse por presentar elementos endémicos como Linaria triornithophora, Omphalodes nitida e Saxifraga spathularis. En carballeiras dispostas en posicións máis térmicas tamén poden estar presentes elementos mediterráneos como silbardas, saltasebes, alaternos, loureiros, silvamares, sobreiras e érbedos. As carballeiras nas que o carballo común é a árbore predominante son de extensión reducida por coincidir maioritariamente a súa distribución orixinal cos terreos propicios para o cultivo ou a promoción de prados de sega, prados de dente ou cultivos arbóreos de piñeiro ou eucalipto. Cando se someten a alteracións reiteradas, como incendios ou cortas indiscriminadas, crecen matogueiras de toxos e queiroas. As carballeiras de carballo cerquiño, ou reboleiras, son as que ocupan unha maior extensión na Península Ibérica e están fundamentalmente na Cornixa Cantábrica, montes de León, Sistema Central e parte setentrional do Sistema Ibérico, Pireneos e outras áreas da Península, como os montes de Toledo e Sierra Morena, e chegan incluso ata Sierra Nevada, Sierra Tejeda e sierra do Aljibe. As carballeiras nas que predomina o carballo pubescente desenvólvense sobre solos básicos das abas dos Pireneos, dende Catalunya ata Euskadi, prolonganse polo sur da Cordilleira Cantábrica ata a provincia de Burgos e ocupan, ademais, amplas zonas do centro e sur do Sistema Ibérico. As carballeiras de carballo albar están asociadas na Península Ibérica ás montañas, acadan os 1.800 m na Sierra de la Demanda, ocupan ladeiras con fortes pendentes e toleran a influencia do clima mediterráneo e a continentalidade. Danse en todo tipo de substratos, aínda que teñen unha certa preferencia polos solos de natureza ácida e ben drenados. En Galicia está presente nos Ancares e no Courel, entre os 1.000 e 1.350 m de altitude.
Frases feitas
-
Aplicar xustiza de carballeira a alguén. Castigar a alguén dándolle golpes.