Carballiño, comarca do

Carballiño, comarca do

Comarca do centro de Galicia, ao L da Dorsal Meridiana, que comprende gran parte da conca do río Avia. Limita ao N coas comarcas do Deza (concellos de Dozón, Lalín e Rodeiro) e Tabeirós-Terra de Montes (concello de Forcarei), ao O coa de Pontevedra (concello da Lama), ao S coa do Ribeiro (concellos de Avión, Cenlle e Leiro) e ao L coas de Ourense (Amoeiro, Coles, Ourense e Vilamarín) e Chantada (concello de Carballedo). Abrangue unha superficie de 552,36 km2nos que acolle unha poboación de 30.566 h (1998), distribuídos entre os concellos de Beariz (1.671 h; 55,97 km2), Boborás (3.560 h; 87,82 km2), O Carballiño (12.170 h; 54,38 km2), O Irixo (2.259 h; 121,05 km2), Maside (3.364 h; 40,04 km2), Piñor (1.641 h; 52,69 km2), Punxín (985 h; 17,08 km2), San Amaro (1.603 h; 28,95 km2) e San Cristovo de Cea (3.313 h; 94,38 km2). O principal núcleo de poboación da comarca é a súa cabeceira, a vila do Carballiño, que asentou primeiramente a súa prosperidade nas feiras e mercados ata converterse no principal centro comercial e de servicios deste territorio. Tamén destacan as vilas de Maside, Dacón, Cea ou Beariz.
Xeografía física
No tocante ao relevo, esta comarca pódese dividir en dúas partes ben diferenciadas: as terras baixas, ocupadas polos vales dos ríos afluentes do Avia e do Barbantiño, e unha sucesión de serras integradas na Dorsal Meridiana ou nos seus somontes (Serra Martiñá, montes do Paraño). O segmento da Dorsal Meridiana (de dirección xeral N-S no seu conxunto) segue neste territorio unha dirección NL-SO. Parte do extremo meridional da serra do Faro, continúa polos montes do Testeiro e remata na confluencia entre os montes do Cando e do Suído, sempre polo sector occidental da comarca. As altitudes do eixo central da dorsal oscilan entre os 800 m e os 1.000 m (Alledo, 1.011 m, no límite entre San Cristovo de Cea e Carballedo; Mámoas, 799 m, entre O Irixo e Dozón; Uceiro, 1.003 m, entre O Irixo e Lalín; Testeiro, 984 m, no Irixo). Do eixo principal da dorsal parten unha serie de somontes de dirección xeralmente meridiana ou NL-SO, que moderan a súa altitude segundo avanzan cara ao S e serven de divisoria entre as concas dos distintos ríos que drenan a comarca. Desde o L, a primeira destas divisorias é a serra Martiñá, cunha altitude de arredor dos 1.000 m (Gateira, 988 m; Martiñá, 1.039 m) que se estende polo centro do concello de San Cristovo de Cea e separa a conca dos ríos Búbal e Barbantiño da do río Arenteiro. Outra aliñación importante é a que separa o val do Arenteiro do seu afluente, o Pedriña. Estes montes delimitan os concellos do Irixo, Piñor e O Carballiño. Teñen unha altitude media de 850 m-940 m (Pico Seco, 938 m; Pico da Peniza, 875 m) e bifúrcanse nun segundo ramal de menor altitude que delimita as concas do Pedriña e do Viñao, xa no interior do Irixo (Penas das Cobas, 812 m, e Castro Pedroso, 684 m). Máis ao O aparece outra serra, que separa o val do río Viñao do seu tributario, o Lobagueira, e que se estende polo centro do concello do Irixo e culmina no Sorribas con 844 m. Un último somonte, de pouca lonxitude, ten como principal accidente o monte Marcofán, de 940 m de altitude, no concello de Beariz. Fóra do sistema montañoso articulado pola Dorsal Meridiana, só cómpre mencionar unha serie de pequenas elevacións no extremo meridional da comarca, accidentes apenas destacados sobre unha notable extensión aplanada no S da comarca coñecida como Os Chaos de Amoeiro. Estes relevos residuais culminan no monte San Trocado, de 550 m de altitude, e marca o límite entre San Amaro e Cenlle. A rede hidrográfica está case totalmente articulada polos afluentes do río Avia. Este río percorre o concello de Boborás e sepárao do de Leiro, parcialmente ocupado polo encoro de Albarellos e a súa conca abrangue o centro, O e N da comarca. Entre os afluentes do Avia destacan de O a L: o Cardelle, de dirección NO-SL e con tributarios como o Doade, o Magros e o Beariz; o Viñao, de dirección NL-SO, que recibe os ríos Lobagueira e Lodeiros; coa mesma orientación, o Arenteiro con afluentes nos Pedriña, Fervenzas e Oseira; e, por último, o Varón, con idéntica dirección aos dous anteriores. O río Barbantiño drena o SL da comarca e, cunha dirección tamén NL-SO, recibe nesta comarca o San Bieito; tras atravesar o S dos concellos de San Cristovo de Cea, Maside e Punxín desemboca no Miño, lugar onde se sitúa o pequeno treito do río Miño que atravesa a comarca. Cómpre citar reducidas superficies pertencentes ás concas do Verdugo, Deza e Búbal. O seu clima pode considerarse de transición entre os dominios climáticos oceánico de montaña e oceánico continental, con matizacións orixinadas pola altitude, ao ser máis frío e húmido o clima das áreas máis montañosas e máis cálidos e secos os territorios situados no fondo do val do Avia. A temperatura media anual na vila do Carballiño é de 11,1°C: a temperatura media do mes máis frío, xaneiro, é de 5,2°C, mentres que a do mes máis cálido, xullo, é de 18,2°C. A amplitude térmica extrema chega aos 25,7°C. O número de días libres de risco de xeadas é de 147. A precipitación anual media é de 1.424 mm, cunha distribución estacional que amosa unha acusada seca estival: o 36,7% das precipitacións recollidas en inverno e o 33% en outono, fronte ao 9,6% no verán; a primavera constitúe unha estación de transición en valores medios, cun rexistro do 20,7% das precipitacións totais anuais. A vexetación está condicionada pola abundante presenza de especies foráneas (piñeiros e, menos frecuentemente, eucaliptos) que case desprazaron totalmente a vexetación autóctona (carballos, cerqueiros e castiñeiros), que conviven con extensas superficies de mato (toxo, xestas). Nas áreas máis elevadas a vexetación arbórea é moi reducida e predominan especies arbustivas ou prados naturais. Pola contra, nas áreas de menor altitude do val do Avia, ou nas máis resgardadas, aparecen exemplos illados de especies de carácter mediterráneo, especialmente sobreiras.
Xeografía humana
A poboación da comarca do Carballiño era en 1998 bastante menor da que posuía en 1900. Ao longo do s XX os seus efectivos demográficos pasaron dos 46.901 h censados en 1900 aos 30.566 h empadroados en 1998 representando un retroceso dos seus efectivos da orde do 34,8%. Nesta evolución abertamente negativa incide a súa condición de comarca interior, moi vinculada á economía agraria e que ata hai ben pouco tiña a vila do Carballiño como único núcleo economicamente diversificado. As carencias e feblezas desta base produtiva repercutiron nunha emigración continua, sobre todo a Iberoamérica (primeiro Arxentina, logo Venezuela e México) e, secundariamente, sobre todo na década dos sesenta, a outros destinos alternativos (Ourense, Vigo, Europa Occidental e as áreas máis industrializadas do resto de España). No tocante á evolución da súa poboación, distínguense esencialmente dúas fases: unha primeira etapa, que vai desde principios do século ata 1940, caracterizada polo estancamento, na que se deixou sentir só pequenas oscilacións con lixeiros crecementos e leves retrocesos demográficos. O resto do século estivo constituído fundamentalmente por décadas de descenso, só interrompido por etapas nas que se rompeu esta dinámica ao rexistrarse lixeiros incrementos de poboación. Os primeiros corenta anos do século foron de estancamento; a causa radica nunha constante emigración que anulou os saldos positivos derivados do crecemento natural, aínda rexidos por unhas taxas de natalidade moi elevadas. As oscilacións foron de escasa entidade: descenso do 0,12% anual no período 1900-1910, ascenso do 0,08% de media anual nos anos dez e, novamente, descenso a un ritmo do -0,13% de media anual nos anos vinte. Esta sucesión culmina nun decenio un tanto atípico como é a década de 1930; neste período a poboación acadou o seu máximo crecemento, cun 0,49% interanual, rexistrándose en 1940 o máximo demográfico secular con 48.370 h, debido en gran medida á detención momentánea da emigración como consecuencia da depresión económica internacional de 1929 e da Guerra Civil de 1936-1939. A partir de 1940 desapareceu o equilibrio entre crecemento natural e emigración, sen poderse compensar a partir deste momento as perdas demográficas provocadas por esta última. A primeira etapa de retroceso demográfico coincide co período 1940-1970, no que se comproban uns primeiros anos de descenso máis moderado (-0,35% de media anual entre 1940 e 1960) seguidos doutros máis desfavorables (-1,99% de media anual durante a década dos anos sesenta). Nestes anos disparouse a emigración cara a Venezuela e México, acompañada por outra con destino a outros puntos de España e Europa a partir de 1960. Nos anos setenta, coa crise do petróleo, detívose momentaneamente e rexistrouse a chegada dun número cativo de retornados procedentes de Iberoamérica, polo que a poboación só creceu de media un 0,06%. Os anos oitenta volveron ser de forte descenso, e a poboación comarcal caeu un 1,42% de media anual debido á reactivación dunha emigración agora fundamentalmente interior, e tamén a un elevado avellentamento tras anos de proceso emigratorio. Os primeiros anos noventa volveron ser de lixeiro crecemento (0,08 % interanual) polo regreso dos emigrados. Por concellos, só crece O Carballiño, onde os seus efectivos medraron un 43,8% durante este século; o resto da comarca caracterízase pola perda de poboación: Beariz, un 22,1% menos que a principios do século; Boborás, un 49,5% menos; O Irixo perdeu o 66,3% dos seus efectivos iniciais; Maside o 45,2%; Piñor, o 56,4%; Punxín retrocedeu nun 52,83%; San Amaro conta cun 48,3% menos; e, por último, San Cristovo de Cea presenta unha poboación un 46,3% menor que a principios de século. O resultado da evolución demográfica é unha poboación avellentada, a cuarta parte da poboación (o 27,58%) son maiores de 65 anos, mentres que os novos só supoñen o 16,73%. Os concellos máis avellentados son Boborás, O Irixo, Piñor, Punxín e San Cristovo de Cea, onde os maiores de 65 anos sobrepasan o 30% da poboación. Pola contra, O Carballiño é o territorio onde manteñen menor presenza ao supoñer só o 21,92%, aínda que, malia todo, superan en volume os grupos de poboación menores dos 20 anos.
Xeografía económica
O sector agropecuario, que emprega o 30,2% da man de obra, posúe unha relevancia destacada no conxunto comarcal. Este sector de actividade mantén unha gran transcendencia nos concellos máis montañosos: Beariz (58,14%), Boborás (64,9%) e O Irixo (47,6%). Pola contra, debido á súa maior diversificación económica, a súa participación na estrutura económica é moi inferior no Carballiño (8,1%) e en Maside (22,6%). No resto acada valores intermedios: Piñor, 30,6%; Punxín, 27%; San Amaro, 40,9%; e San Cristovo de Cea, 37,8%. O principal cultivo é o millo, ao que se lle dedica o 31,3% da superficie labrada, seguido da pataca, que ocupa o 15,2%, a vide o 12,8% (especialmente presente nos concellos máis meridionais, onde algunhas parroquias están incluídas na Denominación de Orixe Ribeiro), e os cultivos forraxeiros o 11,2% das terras cultivadas. O gando bovino ten escasa incidencia, en 1997 contaba con 3.120 vacas, primordialmente orientadas á produción cárnica, sobre todo nos concellos do Irixo e Piñor, que agrupan o 60,9% do censo vacún comarcal. Nos concellos de Maside, Punxín e San Cristovo de Cea sobresae o gando porcino con 2.189 cabezas reprodutoras e 14.373 de ceba, cunha forte presenza de granxas na súa maior parte asociadas ás cooperativas COREN. A industria ten pouca transcendencia na comarca pois é o cuarto sector en importancia que lle dá traballo ao 14,2% dos ocupados. No municipio destaca como fonte de emprego en Piñor (27,25%) e Punxín (30,4%) e mantén poca relevancia no Carballiño (13,8%), mostra da debilidade da industria asentada na cabeceira comarcal. No resto dos concellos acada as seguintes porcentaxes: Beariz, 1,8%; Boborás, 6,3%; O Irixo, 14,2%; Maside, 17,9%; San Amaro, 16,5%; e San Cristovo de Cea, 15,8%. A industria baséase en pequenas e medianas empresas con escasa capacidade de xeración de emprego directo: os sectores máis representativos son o da transformación de madeira e o da elaboración de materiais de construción. No primeiro grupo están os serradoiros, fábricas de embalaxes de madeira, de cortiza e de elaboración de estruturas de madeira no Carballiño e industrias de fabricación de cadaleitos en Piñor. No segundo grupo, o da fabricación de materiais de construción, están as fábricas de ladrillos e prefabricados de formigón no Irixo, ademais de obradoiros vinculados ao traballo da pedra, especialmente no Carballiño. Noutras ramas da industria, cómpre salientar en Maside unha empresa dedicada á elaboración de artigos de plástico, e a industria de artes gráficas no Carballiño. A construción mantén uns valores lixeiramente superiores á industria, en termos comarcais ocupa o 15% dos traballadores na vila do Carballiño ou en Ourense. No municipio hai unha forte homoxeneidade que acada unha maior proporción de ocupados no Carballiño (17,2%), O Irixo (17,9%), Maside (17,7%), San Amaro (18%) e San Cristovo de Cea (16,8%). Menos relevancia posúe en Beariz (8,6%), Boborás (9,6%), Piñor (9,8%) e Punxín (7,4%). Os servicios son a principal fonte de emprego, que no global comarcal supón o 40,5% e acada unha forte presenza en Beariz (31,4%), O Carballiño (60,7%), Maside (41,7%), Piñor (32,2%) e Punxín (35,3%); noutros municipios a súa relevancia é menor: en Boborás dá traballo ao 19,2%, no Irixo ao 20,3%, en San Amaro ao 24,6% e en San Cristovo de Cea ao 29,6%. O principal centro de servicios a escala comarcal é a vila do Carballiño, que destaca pola súa importancia comercial asentada na relevancia das súas feiras, pero tamén pola densidade do seu equipamento financeiro, que atende non só a actividade dos residentes na comarca, senón que tamén canaliza os aforros dos emigrantes, especialmente aqueles establecidos en Hispanoamérica. Tamén é no Carballiño onde se localizan os servicios públicos de alcance comarcal, como os xulgados de primeira instancia, a delegación da Axencia Tributaria, centros de ensino medio ou a delegación de Medio Ambiente. As principais vías de comunicación da comarca son a estrada nacional N-541, de Ourense a Pontevedra, e a estrada nacional N-525, de Santiago de Compostela a Benavente. A primeira percorre a comarca de SL a NO; esta estrada entra na comarca por Punxín e, tras atravesar Maside, O Carballiño, Boborás e o N do concello de Beariz continúa cara a Cerdedo e Pontevedra. A segunda articula a parte oriental da comarca e discorre polos municipios de San Cristovo de Cea e Piñor; outra importante vía de comunicación é o eixo do Ribeiro que, procedente de Ribadavia, cruza a comarca de SO a NL polos concellos do Carballiño e San Cristovo de Cea e prolóngase cara á vila da Barrela, capital municipal do concello de Carballedo, na comarca de Chantada. Outras estradas secundarias son a que conecta a cabeceira comarcal co Irixo e Lalín, e a que parte da N-541 á altura da Almuzara, e vai cara a Feás, Beariz, Doade e prosegue logo con dirección aos núcleos da Lama e Pontecaldelas. Á parte da rede de estradas, a comarca conta coa vía de ferrocarril que une Ourense con Santiago de Compostela (con estación no Carballiño e apeadoiros na Friela-Maside, Boborás e O Irixo). Ademais, á altura da parroquia de Barbantes, en Punxín, atravesan brevemente o territorio comarcal a estrada nacional N-120, de Vigo a Logroño, e a vía de ferrocarril de Vigo a Monforte de Lemos.
Historia
Durante o Antigo Réxime a comarca do Carballiño estaba dividida nun número de xurisdicións moi superior ao dos concellos actuais: as xurisdicións de Amoeiro, Castro Cabadoso, Garabás, Lobás, Madarnás, Maside, Montes, Orcellón, Oseira, Partovia, Pazos de Arenteiro, Roucos, Vilariño de Nogueiro e Vilaseco, ademais dos coutos redondos de Arcos, Corneda, Loeda e Loureiro. Estas xurisdicións estaban, principalmente, en mans monásticas ou da alta nobreza. Destacan, entre os primeiros, o mosteiro cisterciense de Santa María de Oseira, xunto cos bieitos de San Salvador de Celanova e os composteláns de San Paio de Antealtares e de San Martiño Pinario; entre os segundos, sobresae o poder do conde de Ribadavia, ao que se engadía a autoridade exercida nalgunhas parroquias polo conde de Lemos. O arcebispo de Santiago exercía a súa autoridade sobre as parroquias do actual concello de Beariz. Por último, unha serie de encomendas relixiosas (encomenda de Pazos de Arenteiro e Beade) e familias fidalgas remataban de configurar os señoríos da comarca, naquel momento representada na súa maior parte pola antiga provincia de Ourense a excepción da Beariz integrada na de Santiago. Coa derrogación da administración señorial e a súa substitución pola municipal, consonte aos ditames emanados da aplicación da Constitución de 1812, as parroquias incluídas nas xurisdicións e coutos descritos adscribíronse ao partido xudicial do Carballiño. Pese a esta rápida cristalización do actual territorio comarcal desde un punto de vista administrativo, débense sinalar algúns feitos de interese: en primeiro lugar, Beariz permaneceu primeiro na antiga provincia de Santiago e durante breves anos no partido da Lama, dentro da provincia única de Galicia, e só a partir de 1822 pasou a formar parte do partido do Carballiño; en segundo lugar, hai que esperar a 1870 para que se remate de configurar a división municipal ao nacer o concello de Punxín, segregado do de Maside. Reformas administrativas do s XIX permitiron a rápida consolidación da comarca do Carballiño ao redor do partido xudicial; ademais un factor que incidiu favorablemente nesta consolidación foi a existencia do poder económico e xurisdicional do mosteiro cisterciense de Oseira. Este mosteiro foi durante a Idade Media un dos principais cenobios de Galicia; exerceu a súa autoridade non só sobre gran parte da actual comarca do Carballiño, senón tamén sobre outros territorios ou incluso sobre portos como o de Marín. A súa presenza beneficiou a vila próxima do Carballiño que a converteu nun importante centro de feiras e mercados; esta vila tamén se viu favorecida no s XX polas achegas económicas dos emigrantes. Da súa puxanza dá conta a forte actividade inmobiliaria, sobre todo desde os anos setenta cara a diante, propiciada polos emigrantes, maioritariamente asentados en México e Venezuela.
Patrimonio cultural e natural
Os principais monumentos da comarca son o mosteiro de Oseira e a igrexa de Vera Cruz no Carballiño. O primeiro fundouse no s XII, e sufriu sucesivas reformas e ampliacións que se estenderon ata o s XVIII. A segunda, construída entre 1943 e 1952, é obra do arquitecto Antonio Palacios. Tamén existen outros monumentos de interese: castros (a cidadela de San Cibrao en Barbantes, Punxín; Outeiro de Castro en Cameixa, Boborás; ou a necrópole de Mesiego, O Carballiño), multitude de igrexas, capelas ou exemplos de arquitectura civil (en pazos de Arenteiro, Boborás; pazo de Banga, O Carballiño; ou o pazo de Listanco, Maside). O patrimonio natural viuse potenciado pola Xunta ao recoñecer unha serie de espacios naturais: a pequena parte do concello de Punxín, situada na ribeira do río Miño, incluída no espazo natural das Ribeiras do Miño; o territorio de Boborás lindeiro co río Avia está dentro do espazo protexido da área de Pazos de Arenteiro, de interese medioambiental e histórico-artístico. Sen ter o recoñecemento de área natural, pero cun especial interese ecolóxico, cómpre mencionar os montes do Testeiro e O Paraño, nos concellos de Beariz, Boborás e O Irixo e os contornos do mosteiro de Oseira e a Serra Martiñá, en San Cristovo de Cea.