Carballo Arceo, Luís Xulio

Carballo Arceo, Luís Xulio

Arqueólogo. Doutor en Historia coa tese A cultura castrexa na bacía media do río Ulla, especializouse en diferentes aspectos da cultura castrexa, sobre todo relacionados co seu patrón de asentamento, e defendeu unha postura “pacifista” da súa organización. Dirixiu as escavacións de varios castros na Terra de Trasdeza, do castro da Forca (A Guarda) e de diferentes puntos de Lucus Augusti. Colaborou, entre outras, nas revistas Brigantium, Gallaecia, Zephyrus, Trabalhos de Arqueologia e Etnologia e Trabajos de Prehistoria. Participou en obras colectivas como Concepcións espaciais e estratexias territoriais na historia de Galicia (1993), A cultura castrexa galega a debate (1996) e El oro y la orfebrería prehistórica de Galicia (1996) e coordinou a Historia da arte galega (1999). É autor de Povoamento castrexo e romano da Terra de Trasdeza (1986), Castro da Forca (A Guarda Pontevedra: campaña de 1984) (1987). Así mesmo, elaborou o Catálogo dos materiais arqueolóxicos do museo do Castro de Santa Tegra (1989) e o Catálogo do patrimonio arqueolóxico: arqueoloxía de Vigo e a súa historia (1998), con J. Luaces Anca e M. C. Toscano Novella. É membro da Comisión Provincial de Patrimonio Histórico de Pontevedra e da Asociación Profesional de Arqueólogos de Galicia.

Cronología

  • Nacemento

    Lugar : Silleda