Carboentes, Santo Estevo de

Carboentes, Santo Estevo de

Igrexa parroquial situada en Rodeiro. A primeira noticia documental corresponde á acta fundacional do mosteiro de San Pedro de Vilanova de Dozón (1154), ao que foi doada en 1156. A primitiva fábrica constaba dunha nave e unha ábsida rectangular cuberta cunha bóveda de canón. Da nave só queda unha colección de canzorros variados: vexetais, aves, figuras humanas e cuadrúpedes. Os muros transformáronse ao abrirse portas e ventás. No interior destaca a ábsida, cuberta cunha bóveda de canón semicircular reforzada por un arco faixón. O arco triunfal, de medio punto e dobrado, descansa sobre columnas con capiteis figurados.