carburador

carburador

(

s m [TECNOL]

Dispositivo mecánico que, nos motores de explosión, ten por misión facer a mestura de aire e carburante, polo xeral gasolina e, ás veces, algún outro carburante líquido, como alcohol ou benzol, ou ben gasosos, como butano, gas natural ou gas pobre. Nos motores estacionarios, nos que as variacións de velocidade e de potencia son pouco frecuentes e non teñen que efectuarse nun tempo curto, o carburador é un aparato sinxelo. Nos motores de automóbil estas características son primordiais e os mecanismos son máis complexos. Esta complexidade é maior aínda nos motores de aviación, nos que cómpre evitar que o combustible se xee por mor da grande altura de voo; por iso, nestes motores é normal o uso de compresores de sobrealimentación e un tipo especial de carburador que funciona en calquera posición respecto á horizontal. O carburador de automóbil máis común está constituído esencialmente por un conduto tubular de paso de aire dentro do que hai un canón, chamado difusor, que ten por finalidade crear unha aceleración do aire que pasa polo conduto; o tubo que conduce a gasolina chega aproximadamente á zona de máxima velocidade do aire; no extremo do tubo hai unha pequena peza chamada surtidor ou glicleur cun burato calibrado polo que a corrente de aire aspira a gasolina. A mestura adecuada aire-gasolina obtense en réxime estable determinando as seccións de paso do difusor, para o aire, e do gicleur, para a gasolina. Nun réxime determinado, a mestura aire-gasolina ten que ser constante, por iso hai un sistema de depósito e de boia que mantén a gasolina a un nivel fixo igual ao do gicleur. Así mesmo, hai unha pequena reserva de gasolina para facilitar o arranque. Os cambios de réxime obtéñense variando a sección de paso de aire por medio dunha válvula de bolboreta, de posición regulada polo acelerador. Se nun carburador elemental como o descrito se quere aumentar a velocidade accionando o acelerador, o aumento conseguinte da sección de entrada do aire produce unha diminución instantánea da velocidade de aire polo difusor. Este feito provoca un descenso da gasolina absorbida e, xa que logo, un empobrecemento da mestura e unha diminución do réxime do motor, que aumenta despois rapidamente ata as novas posibilidades de paso de aire permitidas pola abertura da bolboreta. Co fin de evitar a diminución momentánea do réxime do motor no proceso de aceleración, móntase unha bomba de aceleración na que hai un pistón solidario co movemento da válvula que, a cada aceleración, introduce unha pequena cantidade de gasolina para compensar o empobrecemento da mestura. Para o arranque do motor en frío, cando a aspiración de aire polo movemento do pistón se realiza a velocidade moi lenta e cando a temperatura xeral do motor non facilita a vaporización da mestura, é preciso enriquecela cun dispositivo de arranque ou starter, bolboreta auxiliar situada antes do difusor que limita a entrada de aire e que se pon en posición neutra cando o motor funciona xa en condicións normais. Para réximes moi baixos a temperatura normal, hai un dispositivo de funcionamento lento que consiste nun paso de gasolina auxiliar e un especial, chamado de marcha lenta, que desemboca no conduto de paso de aire, máis alá da bolboreta do acelerador, de xeito que, cando está pechada, a pequena cantidade de aire que deixa pasar arrastra a gasolina que vén do de marcha lenta; isto permite o funcionamento lento do motor. Nun motor policilíndrico adoita haber só un carburador que alimenta os diferentes cilindros por un colector xeral de admisión; tamén pode haber un carburador por cilindro ou ben carburadores de dous a catro corpos, nos que cada corpo (constituído por un conduto de paso de aire completo, o difusor, o gliceur e a bolboreta) alimenta un cilindro ou un grupo de cilindros. A dificultade de conseguir que un carburador poida funcionar correctamente a baixo réxime (circulación por cidade) e a alto réxime (circulación por autoestrada) fai que nos automóbiles de turismo se tenda a montar carburadores únicos de dobre corpo, nos que cada un deles traballe optimamente nun dos dous réximes, ou ben sistemas de inxección que, grazas ao control electrónico, permiten unha regulación moi precisa da carburación. O outro modelo de carburador, utilizado polo xeral en motocicletas, regula o paso de gasolina por unha agulla cónica que se move dentro do burato do glicleur de forma solidaria cunha porta cilíndrica que regula o paso de aire.

Palabras veciñas

carbuncho | carbúnculo | carburación | carburador | carburante | carburar | carburo