carburante

carburante

(< carburar)

  1. adx e s m

    Aplícase ás substancias que conteñen hidrocarburos e son actas para a carburación.

  2. s m [IND]

    Combustible líquido, constituído fundamentalmente por hidrocarburos, que se utiliza nos motores de combustión interna. A principal característica que ten que posuír, para que o motor acade a potencia máxima, é a de resistir compresións elevadas sen producir detonacións. Ao superar unha determinada relación de compresión do motor, a mestura carburante-aire acéndese espontaneamente (autoarranque) e produce unha onda expansiva que fai que diminúa o rendemento. Os diferentes hidrocarburos teñen unha resistencia á detonación crecente segundo a orde: parafinas, isoparafinas, olefinas, cicloparafinas e aromáticos. O poder antidetonante dun carburante, que se mide polo índice de octano, pódese mellorar variando a composición química ou por adición de pequenas cantidades de certos compostos orgánico-metálicos, como o tetraetilchumbo, que inhiben a formación de peróxidos explosivos. Non obstante , estanse deixando de utilizar estes aditivos polo seu alto poder contaminante; isto supón unha perda de rendemento compensada polo progresivo perfeccionamento dos sistemas de arranque. Para definir un bo carburante, hai que ter en conta, ademais deste índice, a curva de destilación, a presión de vapor, o contido de gomas e de xofre, etc, así como a densidade e o punto de conxelación para os carburantes da aviación. A calidade dos carburantes para motores diesel depende do intervalo de tempo que hai entre a entrada no cilindro e a inflamación, e mídese polo índice de cetano. Un carburante ideal debe conter unha fracción lixeira de hidrocarburos aromáticos que asegure unha volatilización adecuada ao clima e á altura, unha fracción de olefinas suficiente para dar unhas boas características antidetonantes a baixo réxime do motor e unha fracción de hidrocarburos aromáticos que as dea a réxime elevado. Ademais de antidetonantes, os carburantes conteñen anticorrosivos, anticonxelantes, antioxidantes, deterxentes, lubricantes, colorantes, etc. Os carburantes máis utilizados son a gasolina (destilada entre 50 e 210°C), o gasóleo (destilado entre 220 e 360°C) e, en menor proporción, o gas natural e o fuel óleo. Os avións con motor de reación utilizan como carburante o queroseno (destilado entre 165 e 240°C), hidrocarburo de propiedades físicas intermedias entre a gasolina e o gasóleo, que se caracteriza porque se mantén fluído a moi baixas temperaturas (-50°C).