Cardano, Gerolamo
Médico, matemático e astrólogo italiano. Licenciouse en Medicina en Padua (1526) e residiu dende 1532 en Milán. En 1541 foi nomeado catedrático de Medicina en Pavia e en 1562 en Boloña. En 1570 foi encarcerado, acusado de herexía e obrigado a abxurar privadamente. Formou parte do grupo renacentista que fundamentou a álxebra simbólica. Na súa obra Arts Magna (Arte Magna, 1545) solucionou a ecuación de terceiro grao a partir da fórmula de Tartaglia e a ecuación de cuarto grao a partir da fórmula do seu discípulo Ferrari; tamén presentou o primeiro cálculo sistemático de probabilidades en Lieber de ludo aleae. En medicina describiu o tifo exantemático, estudiou o tratamento da sífilis e investigou sobre os soños e as determinacións do carácter polos trazos faciais. No campo da mecánica atribúeselle a invención do sistema de articulación e de suspensión coñecido como cardán que lle permite a un obxecto conservar sempre a horizontal. Ademais, publicou De subtilitate rerum (Sobre a sutileza das cousas, 1550), De rerum varietate (Sobre a variedade das cousas, 1556) e a autobiografía De vita propria (Sobre a propia vida, 1575).
Cronología
-
Nacemento
Lugar : Pavia -
Deceso
Lugar : Roma