Carderera Potó, Mariano

Carderera Potó, Mariano

Pedagogo. Foi o fundador da Escuela Normal de Huesca e director da de Barcelona. En 1849 foi nomeado inspector xeral de instrución primaria e despois, ata 1868, xefe deste negociado no ministerio de Fomento. Desempeñou diversos cargos dende onde organizou, entre outros traballos, os servicios de estatística escolar, redactou os regulamentos (1850 e 1864) para o exame dos aspirantes ao maxisterio, aumentou o número de escolas públicas, creou as escolas normais de mestres, redactou un proxecto de Lei de Instrución Pública (practicamente reproducido en 1857), redactou o regulamento do colexio de xordomudos (1863) e un proxecto sobre escolas de adultos (1868). Foi un coñecedor directo da organización docente doutros países europeos e divulgador das correntes pedagóxicas do momento. Ademais foi redactor e director da Revista de Instrución Primaria (1849-1853) e dos Anales de Enseñanza (1858-1880) e, co seu colaborador Xoaquín Avendaño, publicou o periódico ilustrado La Aurora de los Niños (1851-1853). As súas obras, centradas sobre todo na produción pedagóxica, influíron no maxisterio primario durante a segunda metade do s XIX. Entre elas cómpre destacar: Dicionario de educación y métodos de enseñanza (1854), resumo das doutrinas pedagóxicas de mediados do s XIX e libro de texto nas escolas normais; Guía del maestro de primera enseñanza, que se ocupa da formación moral do educador; Pedagogía práctica (1874), obra incompleta con leccións e exercicios para as escolas; Apuntes sobre la educación del sordomudo (1859); e Vida e obras de Pestalozzi (1862). En colaboración con Xoaquín Avendaño escribiu Curso elemental de pedagogía, Curso de instrución primaria, Cuadernos de lectura, La lectura por la escritura: nuevo método simultáneo e Cuadro popular de pesas y medidas.

Cronología

  • Nacemento

    Lugar : Huesca

  • Deceso

    Lugar : Madrid