cardo
(< lat cardu)
-
s
m
[BOT]
Planta herbácea de follas espiñentas, que serven como protección fronte aos herbívoros, á vez que reduce a superficie foliar e minimiza a transpiración. Pertence á familia das asteráceas, das apiáceas ou das dipsacáceas. Os cardos poden presentar espiñas no talo e nas brácteas dos capítulos. En Galicia as plantas denominadas como cardos da familia das asteráceas pertencen aos xéneros Carduus, Carlina, Carthamus, Cirsium, Cnicus, Cynara, Galactites, Onopordum, Picnomon, Scolymus, Silybum e Xanthium. O xénero Carduus está constituído por plantas de ata 150 cm de altura, con capítulos en grupos terminais de flores, en flósculos violáceos globosos con numerosas brácteas rematadas en espiña e froitos con pelos que portan pequenos dentes. En Galicia son comúns en terreos incultos e nas beiras dos camiños as especies: C. carpetanus, planta perenne de follas cubertas de tomento polo envés; e C. tenuiflorus, planta anual de follas sen pilosidade aparente. O xénero Carlina está formado por plantas de brácteas involucrais internas coriáceas e longas, follas espiñentas e flores de cor amarela que dan lugar a aquenios pilosos. En Galicia están presentes, en ambientes secos, as especies C. corymbosa e C. vulgaris, denominadas comunmente cardo do cuco . O xénero Carthamus está constituído por plantas de follas espiñentas, coriáceas, pinnatipartidas, e capítulos terminais de flores amarelas. En Galicia está presente en lugares rochosos ou secos a especie C. lanatus, denominada comunmente cardo cabreiro. O xénero Cirsium, de plantas de ata 150 cm de altura, con capítulos en grupos terminais de flores, de flósculos violáceos globosos con numerosas brácteas rematadas en espiña e froitos cubertos de lanuxe con pelos semellantes a plumas. En Galicia son comúns as especies: C. arvense, localizado en terreos incultos e pastos, denominado comunmente cardo cundidor ou hemorroidal; C. filipendulum, en turbeiras e uceiras; C. palustre, en lugares húmidos; e C. vulgare, en sebes e valados, denominado cardo burreño. O xénero Cnicus, de plantas de talo curto de ata 10 cm, piloso e con follas espiñentas, ten nervios brancos e capítulos de follas amarelas e brácteas involucrais cunha forte espiña no ápice. No sueste de Galicia está presente a especie C. beneditus en terras cultivadas e sitios despexados e areosos, que recibe a denominación popular de cardo santo. O xénero Cynara, planta con capítulos grandes de flores azuis, coa base das brácteas involucrais escamosas e cos receptáculos de natureza carnosa. En Galicia está presente a especie C. cardunculus, denominado comunmente cardo do callo, cardo presoeiro ou carrapizo , que amosa unha roseta basal de follas pinnadas que portan na marxe espiñas de ata 35 mm de lonxitude e capítulos de ata 6 cm de diámetro con brácteas do involucro cunha espiña terminal moi forte. Preséntase de xeito limitado en terreos incultos e áridos do sueste do país. Esta especie é moi apreciada en gastronomía polos seus talos brancos tenros e amargos, que se conseguen coa operación do branqueado que consiste en tapar as plantas para evitar a súa exposición á luz unha vez desenvolvidas. Ao mesmo xénero pertence a especie C. scolymus, denominada comunmente alcachofa, da que se consomen os capítulos inmaduros, crus ou cociñados. O xénero Galactites, de plantas anuais, con capítulos de brácteas violáceas rematadas en espiña, receptáculo piloso e flores de cor púrpura de maior tamaño ca as exteriores, que son estériles. Os froitos presentan unha lanuxe de pelos plumosos. En Galicia está presente a especie G. tomentosa de ata 80 cm de altura, con follas espiñentas cunha mancha branca na cara e tomento no envés, que se atopa en baldíos e beiras de camiños. O xénero Onopordum, tamén denominada toba, de ata 200 cm de altura, de talos recubertos dunha fina pilosidade, percorridos lonxitudinalmente por tres expansións que portan espiñas de ata 5 mm, con follas espiñentas de capítulos illados, globosos de ata 5 cm de diámetro, de brácteas algodoeiras con espiñas fortes e flores de cor púrpura e receptáculo sen pelos nin escamas. En Galicia está presente a especie O. acanthium en campos sen cultivar. O xénero Picnomon, de plantas anuais de ata 50 cm, coa parte superior do talo alado, follas caulinares decorrentes, con espiñas grosas e capítulos purpúreos ou rosados, con brácteas involucrais terminadas nunha pequena espiña pinnatisecta. En terras cultivadas, pedregais e lugares secos do sueste de Galicia está presente a especie P. acarna. O xénero Scolymus, de plantas perennes de ata 80 cm de altura, de talo alado de xeito discontinuo, follas de ata 20 cm rematadas en punta, duras, pinnatífidas e con moitos nervios, co nervio principal abrancazado e con brácteas lanceoladas, capítulos amarelos ou alaranxados que teñen un receptáculo con pequenas escamas que envolven os froitos. En Galicia está presente en lugares areosos a especie S. hispanicus. O xénero Silybum, de plantas de ata 150 cm de altura, de follas espiñentas, con capítulos grandes e illados, e brácteas rematadas en longas espiñas. En Galicia está presente S. marianum nas beiras dos camiños e en lugares despexados, denominada comunmente cardo leiteiro. O xénero Xanthium, de plantas de ata 100 cm de altura, monoicas con capítulos femininos ovais, formados por dúas flores situadas dentro dun involucro que presenta longas espiñas e capítulos masculinos caducos. En Galicia están presentes en ambientes incultos as especies: X. orientale, de follas cun pecíolo de 1 cm, limbo lanceolado de ata 7 cm e con dúas espiñas trifurcadas na base; e X. strumarium, de follas con pecíolo de ata 10 cm, limbo triangular de ata 20 cm sen espiñas na base. Sen pertencer á familia das asteráceas, pero con características de cardo, están presentes en Galicia os xéneros Dipsacus e Eryngium. A especie Dipsacus fullonum, pertencente á familia das dipsacáceas, denominado cardo peiteador ou cardencha, de capítulos formados por pequenas flores bilabiadas con catro estames. É unha planta bienal, de ata 200 cm de altura, de follas opostas, enteiras e cubertas de aguillóns. As inflorescencias rosáceas e espiñentas teñen forma oval e un tamaño de ata 8 cm. O xénero Eryngium pertence á familia das apiáceas, que presentan follas lobuladas coa marxe espiñenta nas pequenas flores, de cinco pétalos sen soldar, dispostas en grupos compactos formando capítulos semellantes aos cardos da familia das asteráceas. En Galicia están presentes as especies: E. campestre, coñecida como cardo corredor , que se localiza en ambientes secos; E. duriaei, propia da zonas montañosas, que constitúe un endemismo do norte da Península Ibérica; E. maritimum, denominado vulgarmente como cardo de ribeira, que é propio das praias litorais; en lugares enchoupados no inverno igualmente se pode atopar E. corniculatum e E. viviparum. Tamén reciben o nome de cardo molar as leitarugas do xénero Sonchus e algunhas plantas do xénero Centaurea, denominadas comunmente arzolas, que reciben ademais o nome de cardos estrelados .
-
s
m
[ARTE]
Motivo decorativo característico do gótico que reproduce as follas do cardo.
-
s
m
Persoa de temperamento arisco e intratable.
Ex: Ten dúas amigas que son dous cardos, non hai xeito de falar con elas.
Confrontacións: insociable.