Carduci
Artistas italianos establecidos en España dende 1585, coñecidos como Carducho. Bartolomeo Carduci (Florencia 1560 - Madrid 1610), pintor, arquitecto e escultor. Chegou a El Escorial como axudante de Federico Zucaro, con quen traballou no retablo maior da igrexa. Realizou tamén pinturas na biblioteca e en 1598 foi nomeado pintor de cámara. O seu irmán, Vincenzo Carduci (Florencia 1576 - Madrid 1638), tamén pintor, chegou á Península na súa compaña e converteríase co tempo en discípulo seu. Nomeado pintor de cámara en 1609, a súa obra evolucionou cara a un realismo acusado plasmado na obra Predicación de San Juan Bautista (1610) e introduciu un espírito cada vez máis impoñente e monumental, como se reflicte no retablo maior de Guadalupe. Seguiu as premisas dun naturalismo pouco extremo, do concepto cromático veneciano e da preocupación polos contrastes lumínicos pouco violentos, características que se amosan nos lenzos realizados para a cartuxa do Paular (1626). Escribiu o tratado técnico Diálogos de la pintura (1633).