Carelia
Rexión do antigo Imperio Ruso que se estende desde os lagos Ladoga (Lad ǒ skoje Ozero) e Onega (Onežskoje Ozero) ata o Mar Branco (Beloje More). Xeomorfoloxicamente, forma parte do escudo báltico e está constituída principalmente por granito e gneis, moi afectados pola glaciación. Os solos son pobres en humus, e o país está ocupado en gran parte por lagos e zonas pantanosas. Ten un clima continental extremo. Os principais núcleos de poboación son Petrozavodsk, Kondopoga, Segeža, Kem’ e Lieska. Trala desaparición da URSS quedou dividida entre Rusia (República de Carelia) e Finlandia (Pohjois-Karjalan). A Carelia occidental foi historicamente a parte máis civilizada e poboada do país. Pertenceu ao estado sueco-finlandés ata o Tratado de Nystad (1721), momento en que pasou a pertencer a Rusia. En 1809, ao caer Finlandia baixo o dominio ruso, a rexión adheriuse ao resto do territorio finlandés, unión que se mantivo ata que se recoñeceu a súa independencia en 1920. Pola contra, a Carelia oriental viviu desde a Idade Media baixo diversas formas de goberno rusas. Co réxime soviético, desde 1920, foi “comuna de traballadores”; en 1923, coa anexión duns distritos rusos, pasou a ser República Socialista Soviética Autónoma (RSSA). Durante a guerra de 1939-1940 as esperanzas rusas de conquistar toda Finlandia fixeron que se establecese unha RSS carelio-finlandesa. Non obstante , o exército ruso só conseguiu dominar o istmo de Carelia, ganancias territoriais recoñecidas polo Tratado de París (1947). Despois do éxodo dos finlandeses que a habitaban, foi repoboada por inmigrantes rusos e separada (1946) do resto do territorio carelio-finlandés. En 1956 suprimiuse a efémera República de 1940 e creouse novamente a RSSA de Carelia, na que os carelios son minoría.