caricatura

caricatura

(< ital caricatura)

  1. s f

    Representación plástica de persoas, feitos, costumes e hábitos sociais consistente na deformación grotesca dos seus trazos máis característicos para producir un efecto cómico ou crítico, acompañada habitualmente de texto. Nos ss XIX e XX, púxose ao servizo da política e tomou forza en Inglaterra e Francia, e estendeuse por toda Europa. Francia foi a vangarda con artistas como Daumier, Doré, Gavarni, Steinlen, Gill, Caran d’Ache, Sem e Forain, ao final do s XIX e ao principio do s XX e, posteriormente, con Chaval, Siné e Wolinski. As principais revistas foron L’Assiette au Beurre, Le Rire, Le Canard Enchainé e Crapouillot. Inglaterra contou con destacados caricaturistas, todos eles herdeiros de Thomas Rowlandson (1756-1827); Rops e Ensor sobresaíron en Bélxica na segunda metade do s XIX; e Alemaña deu no primeiro terzo do s XX a figura de Grosz e os debuxantes de Simplicissimus e Jugend. En España, Goya destacou como caricaturista e no s XX sobresaíron Castelao, Sileno, Tovar, Fresno e Tono, que colaboraron en revistas como Gedeón, Madrid Cómico, Buen Humor o La Ametralladora; e xa na etapa da posguerra, Mingote, Dátile e Chummy Chúmez, principalmente nas páxinas de La Codorniz. Unha xeración posterior está representada por Forges, Máximo ou Peridis. En Galicia, no s XIX, apareceron diversas publicacións como Misterios de Pontevedra (1845), Galicia cómica (1855), que conta con debuxos de Benigno Sanmartín, e Galicia Humorística (1888), na que apareceron traballos de Pando. En todas elas a aproximación á caricatura moderna limítase ao corpo, mentres que utilizan a técnica do retrato para debuxar cabezas desproporcionadas. Débese considerar como primeiro humorista gráfico galego o lugués Xosé Mª Cao (1862-1918), que debutou en Bos Aires na revista Don Quijote dirixida polo madrileño de ascendencia galega Eduardo Sojo. Castelao, quen espertou a súa vocación caricaturesca cos debuxos de Cao nas revistas Caras y Caretas, debutou en 1908 no II Salón de Humoristas de Madrid con dous debuxos co pé en castelán. Logo deu un xiro moi importante á súa carreira ao coñecer os traballos de Gulbranson, Heine, Grosz e doutros colaboradores da publicación muniquesa Simplicissimus. O seu compromiso ético e a súa preparación teórica fan de Castelao o punto de partida da gran tradición da caricatura galega. O humor gráfico ponse de moda malia as poucas publicacións e os escasos lectores. Destacan nesta época Asorey, Camilo Díaz, Castaño, Cebreiro, Conde, Fernández Mazas, García Sánchez, Huici, Laxeiro, Leumas, Lourido, Mareque, Mariano González, Maside, Máximo Ramos, Mendelona, Nandín, Osés, Padín, Pardo, Pereira, Prada, Prieto Nespereira, Ribas, Romano, Senra, Seoane, Taboada, Torres, Ventura Requejo, Vicente Díaz e Vidales Tomé, entre outros autores. Logo da paréntese da Guerra Civil española e da posguerra, os debuxantes que sobreviviron -Camilo Díaz e Huici foran asasinados-, tiveron que continuar o seu labor no exilio. O humor galego recuperou a súa importancia da man de Luís Seoane, quen publicou na revista Galicia Emigrante en Bos Aires os seus debuxos, aos que hai que sumar os de Castelao, os de Maside e os dun novo caricaturista, Novoa. Seoane é ademais a ponte para a continuidade, quen recolle e estudia as formas tradicionais galegas. En Galicia volveron ao oficio Torres, Conde, García Fernández, Cebreiro e outros, traballando coa cautela que precisa a situación de represión e censura que se prolongaría moito tempo. Xurdiu entón unha xeración intermedia con Quesada, Lalo e Atomé. O primeiro comezou a traballar fóra de Galicia, o mesmo que Abelenda e Julio Cebrián, que acadaron o Premio Paleta Agromán aos mellores caricaturistas do estado. En xuño de 1982 convocouse o I Seminario do Humor Galego, onde se falou da situación da caricatura e se presentou a maqueta da revista Can sen dono. En xaneiro do ano seguinte comezou a andaina por toda Galicia dunha exposición de Siro e Xaquín Marín, cun manifesto titulado En defensa do humor, onde os dous caricaturistas denuncian a situación de abandono e mimetismo que sofre o humor galego. Dous meses despois saíu o número 0 de Can sen dono, que chegou ata o 25. Nela colaboraron, entre outros, Carreiro, Ferreiro, Forxán, Fran Jaraba, Gogue, Hortas, Insua, Kukas, Lalo, Philipot, Quesada, Rocamadour, Sillvar, Siro, Tizón, Xan López Domínguez, Xesús Campos, Xaquín Marín, Xosé Guillermo e Xosé Lois. En maio de 1984 organizouse o I Encontro de Humoristas Galegos no castelo de Vilasobroso, en Mondariz, coa intención de crear unha asociación de humoristas que nunca chegou a organizarse, ademais de anunciar a creación do Museo do Humor de Fene. Dende aquel momento o Museo mantén, non só unha mostra permanente de caricatura de todo o mundo, senón que difunde o humor gráfico que se fai en Galicia, convoca premios anuais dende o ano 1985, fai edicións puntuais e un boletín trimestral denominado Sapoconcho, dende o ano 1994. No 1989 celebrouse o I Salón de Primavera e Simposio de Humor en Vigo. No 1992 comezou a Bienal da Caricatura de Ourense, e no 1993 apareceu Xo!, publicación dirixida por Picho Suárez e Pepe Carreiro que chegou ata o número 39. Por último, en xuño do 2000 saíu da rotativa de La Voz de Galicia, o suplemento xatentendo.com, dirixido por Siro e Guisande, que achegou ao panorama da caricatura galega uns medios e unha difusión descoñecidos ata entón. Nestas publicacións, ademais dalgúns xa nomeados, apareceron Abraldes, Alexandre Marín, Barcala, Carlos Lamas, Carpente, Carrera, Craneo, Cuba, Fausto, Guitián, José Tomás, Lamas, Leandro Lamas, Leandro, Loureiro, Matos, Nito Varela, Núñez, Outeiral, Padín, Paz Navas, Pereiro, Pérez, Pinto e Chinto, Pitón, Prieto, Rodríguez, Sanmartín, Sardiña, Sex, Varela, Vázquez, Veiga, Tonlsavsky e Tokio, entre outros. Houbo intentos esporádicos de publicacións como Bicos e A Mirada do Avestruz ademais das colaboracións en xornais, revistas, catálogos e televisión. Nestes eidos pódense atopar traballos de Amado, Arnoia, Bofill, Cabaleiro, Carlos Quesada, Caruncho, García Varela, Harguindey, Lareo, Lubián, Munín, Miguelanxo Prado, Padín, Ruibal, Suárez de la Concha e Víctor Galdón, entre outros.

  2. s f
    1. Imitación ou representación carente de valor que se fai dalgunha cousa.

      Ex: A película é unha simple caricatura dun clásico do cine bélico.

      Confrontacións: parodia.
    2. [LIT]

      Texto que reflicte de forma degradada calquera realidade para ridiculizala.

      Ex: Nese filme faise unha caricatura dos costumes da sociedade americana burguesa.

  3. s f

    Persoa ou cousa que constitúe unha copia simple e degradada doutra.

    Ex: Por máis que copie o seu estilo non deixa de ser unha caricatura da irmá.

Palabras veciñas

caribú | caricáceo -a | caricato | caricatura | caricaturesco -ca | caricaturista | caricaturizar