Carlos I de Nápoles

Carlos I de Nápoles

Rei de Sicilia (1266-1282) e de Nápoles (1266-1285), conde de Anjou e de Maine (1264-1285), e conde de Provenza e de Forcalquier polo seu matrimonio no 1246 coa condesa Beatriz. Fillo de Luís VIII de Francia e de Branca de Castela. En 1250 e 1261 as cidades de Marsella, Arles e Aviñón rebeláronse contra o seu dominio, e Carlos anulou as súas liberdades municipais. Iniciou a expansión cara a Italia co señorío sobre o condado de Ventimiglia (1258) e parte do Piemonte meridional (1259-1261). Proposto polos papas para opoñelo aos descendentes de Federico II en Sicilia, recibiu en 1265 en Roma a investidura do reino. Iniciou a campaña militar de conquista axudado polas finanzas papais e polos güelfos; neste sentido, foi decisiva a Batalla de Benevento (1266). Executou o neto de Federico II, Conradino, despois de derrotalo en Tagliacozzo (1268). Dominou entón a política italiana e obtivo (1269-1270) o señorío de Milán e outras cidades da Lombardía e da Romaña. Xénova e Guillerme VII, marqués de Monferrato, iniciaron a oposición; a derrota de Roccavione (1275) obrigouno a abandonar o Piemonte, e Milán pasou ao seu inimigo, o arcebispo Ottone Visconti, mentres o Papa Nicolao III se impoñía na Romaña e na Italia central. As súas ambicións dirixíronse cara a Oriente; en 1277 comprou os dereitos de María de Antioquía ao Reino de Xerusalén e apoderouse de Acre, onde foi recoñecido como soberano. O Tratado de Viterbo (1267), que firmou con Balduíno II de Constantinopla para axudalo a reconquistar o Imperio, valeulle a soberanía sobre Acaia, a illa de Corfú e Durazzo (1272), da que se intitulou rei; sen embargo, as súas forzas foron derrotadas ante Berat (1281). A insurrección de Sicilia orixinouse polos seus abusos, a intromisión dos franceses na administración e no goberno e o traslado da corte de Palermo a Nápoles. O 30 de marzo de 1282 comezou en Palermo a Revolta das Vésperas Sicilianas que lle deu a coroa de Sicilia a Pedro II de Aragón. Despois do fracasado desafío de Bordeos, confioulle Sicilia ao seu primoxénito, Carlos, príncipe de Salerno, que sufriu unha serie de derrotas navais. Conseguiu poñer a Carlos I de Valois en contra de Pedro II, pero morreu antes de comezar a invasión de Catalunya.

Cronología

  • Nacemento

  • Deceso

    Lugar : Foggia