Carlos VI

Carlos VI

Emperador romano-xermánico (1711-1740), arquiduque de Austria (Carlos II, 1711-1740) e rei de Hungría (Carlos III, 1711-1740), rei de Aragón (Carlos III, 1705-1717), de Sicilia (Carlos IV, 1718-1734) e de Nápoles (Carlos VI, 1705-1713 e 1718-1735), pretendente á Coroa de Castela (1703-1725). Foi o segundo fillo do Emperador Leopoldo I e de Leonor de Neoburgo. Trala morte de Carlos II, disputou a Coroa de España na Guerra de Sucesión. Proclamado rei co nome de Carlos III en Viena o 12 de agosto de 1703, marchou a Lisboa para poñerse á cabeza dos exércitos peninsulares. Partiu cunha poderosa escuadra inglesa, e logrou a conquista de Barcelona o 9 de outubro, onde estableceu un goberno efectivo. Xurou as Constitucións de Catalunya e foi proclamado rei polas Cortes reunidas en Barcelona (1705-1706), e recoñecido por case toda València e Aragón. Os exércitos anglo-portugueses obrigaron a Filipe V a abandonar Madrid, onde entrou pouco despois o arquiduque, proclamado rei de Castela o 2 de xullo; pero unha contraofensiva borbónica fixo que Carlos se retirase cara a València, onde residiu coa súa corte dende setembro de 1706 ata marzo de 1707. Creou unha xunta de goberno que coexistiu coas institucións do país. En 1708 a situación militar comezou a deteriorarse e os reinos valenciano e aragonés caeron en poder de Filipe V, que aboliu as súas constitucións políticas. Desde aquel momento, Carlos III foi só rei dos cataláns. En 1707 casou con Isabel Cristina de Brunswick-Wolfenbüttel. En 1709 dirixiu unha nova ofensiva contra o Borbón: as vitorias de Almenara, o 27 de xullo de 1710, e de Zaragoza, o 20 de agosto, permitíronlle recuperar Aragón e chegar por segunda vez a Madrid, pero Filipe V restableceu as súas forzas grazas ás axudas de Luís XIV e venceu en La Alcarria (1710). Trala morte do seu irmán, o Emperador Xosé I accedeu ao trono imperial o 17 de abril de 1711 co nome de Carlos VI, e tivo que abandonar Barcelona, onde deixou a súa dona como lugartenente xeral. Polos tratados de Utrech (1713) e Rastadt (1714), o emperador retirou as súas tropas de Catalunya. O Tratado de Viena (1725) confirmou de xeito definitivo a paz entre os dous adversarios. Carlos VI mantivo os seus dereitos dinásticos e o ideal de reunir os territorios que dominara a súa familia. A Guerra de Sucesión de Polonia (1733-1738) demostrou a súa febleza ante a alianza que España e Francia mantiñan contra el. Acabou perdendo Lorena, Nápoles e Sicilia en pouco tempo, perdas que aceptou a cambio de que as devanditas potencias recoñecesen a Pragmática Sanción que permitía que gobernasen as súas fillas. Ao morrer Carlos VI (1740), a coroa pasou á súa filla María Tareixa, feito que deu lugar á guerra de Sucesión austríaca.

Cronología

  • Nacemento

    Lugar : Viena

  • Deceso